O titular do Goberno galego presidiu esta mañá o acto de sinatura do convenio entre a Xunta e a Autoridade Portuaria de Vigo para o fomento da mobilidade sostible na fachada marítima
RUEDA DESTACA O COMPROMISO DA XUNTA CON VIGO COA TOTAL RECUPERACIÓN DA FACHADA MARÍTIMA CUN INVESTIMENTO GLOBAL DE 14 M€
“Xuntos, o Goberno galego e o Porto faremos posible este obxectivo”, di, salientando que esta iniciativa proba que a vida económica dun porto de referencia pode ser compatible cunha vida urbana plena e sostible
Resalta que este proxecto súmase ao esforzo que está a facer a Xunta en Vigo reflectido no remate da Cidade da Xustiza, no impulso de 1.600 vivendas en Navia ou na finalización da nova estación de autobuses da intermodal
Tras finalizarse os treitos das Avenidas e da zona de Beiramar entre o Porto pesqueiro do Berbés e a rúa Coruña, o traballo continuará agora ata completar un itinerario peonil e ciclista de 7,4Km
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o compromiso da Xunta con Vigo coa total recuperación da fachada marítima cun investimento global de 14 millóns de euros. “Xuntos, o Goberno galego e o Porto faremos posible este obxectivo” aseverou, durante o acto de sinatura do convenio entre a Administración autonómica e a Autoridade Portuaria de Vigo para o fomento da mobilidade sostible na fachada marítima, no que tamén estivo a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.
Ao longo da súa intervención, Rueda aseverou que con esta iniciativa Vigo dá un novo paso para a construción do seu futuro como cidade, demostrando que a vida económica dun porto de referencia internacional pode ser compatible cunha vida urbana plena e sostible, ao recuperar un valioso espazo público para o uso e desfrute dos vigueses.
“Combinar os intereses económicos de Vigo e de Galicia cos intereses dos cidadáns de desfrutar dunha cidade pegada ao mar; conformar un espazo humanizado e transitable a pé e en bicicleta entre Bouzas e o Areal non só é un proxecto posible, tamén é un proxecto en marcha”, abundou. Non en van, cómpre recordar que xa están culminados os treitos das Avenidas -entre a praza da Estrela e o Centro Comercial A Laxe- e da zona de Beiramar entre o Porto pesqueiro do Berbés e a rúa Coruña.
“Agora, o traballo continuará ata completar en dous anos ese gran itinerario peonil e ciclista de 7,4 quilómetros”, o que implica: a fronte portuaria do Berbés-Portocultura -entre o Centro Comercial A Laxe e o porto pesqueiro-; e un eixe entre a Praza de Industria conserveira ata o emblemático barrio de Bouzas, que contará coa ampliación das beirarrúas, nova iluminación, zonas verdes e espazos de aparcadoiro.
Ambas as dúas intervencións suporán un investimento de preto de 5 millóns de euros, dos que a Xunta achegará 3,5 millóns.
O titular do Goberno galego concluíu aseverando que este proxecto súmase ao esforzo que está a facer a Xunta en Vigo, reflectido: no hospital Álvaro Cunqueiro, no remate da Cidade da Xustiza, no impulso de 1.600 vivendas en Navia, na ampliación do Ifevi ou na finalización da nova estación de autobuses da intermodal.