Román Rodríguez destaca o papel da Escola de Arte Dramática de Galicia, en Vigo, como «factoría de talento e creatividade» dentro e fóra da Comunidade
Compromete a aposta da Xunta polo impulso deste centro como “referente e canteira” para o sector da dramaturxia na Comunidade
Esta escola é unha das catro únicas en España que oferta titulacións superiores nas especialidades de interpretación, escenografía e dirección escénica
A Xunta de Galicia ten o firme compromiso de seguir impulsando e reforzando a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia en Vigo, ESAD, como “factoría de talento e de creatividade” dentro e fóra da Comunidade. Así o destacou esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, con motivo do acto simbólico de inauguración do curso escolar neste centro, cuxa lección inaugural correu a cargo de Fran Núñez, ex alumno deste centro e director do Centro Dramático Galego, a unidade de produción teatral da Xunta. Ao acto, que se completou cunha visita polas instalacións da escola, tamén asistiron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil.
O conselleiro recalcou que ao longo dos seus 15 anos de historia, esta escola que hoxe conta con 167 alumnos matriculados converteuse en “referente e canteira” para o sector da dramaturxia na Comunidade “e tamén fóra”. De feito, é unha das catro únicas de España que oferta titulacións superiores nas especialidades de interpretación, escenografía e dirección escénica.
Ademais, o seu potencial creativo reflíctese en datos como que o teatro público da Comunidade “está baixo a dirección de Fran Núñez, alumno da primeira promoción da escola, ou que catro das cinco últimas estreas do CDG estaban dirixidas por ex alumnos e aproximadamente o 35% do elenco e do equipo técnico das mesmas foi estudante desta escola”, especificou o conselleiro. Tamén lembrou que catro alumnos (tres mulleres e un home) da escola acaban de ser beneficiados das axudas da Xunta para o programa comunitario Erasmus+ destinados a estudantes que cursan ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia.