Representantes do Goberno vigués bloquean de novo a proposta de crear unha sede do CGAC no inmoble de Berbés 7
Retirouse da orde do día do consello extraordinario ao anunciar que non votarían a favor incluso antes de iniciar o debate sobre o futuro desta edificación
Sae adiante a proposta da presidenta do CCVV, Marta Fernández-Tapias, de trasladar a sede actual a un local propiedade do organismo en Ferrería 45
Os representantes do Goberno vigués no Consorcio Casco Vello de Vigo impediron debater a proposta de cesión do dereito de superficie á Xunta de Galicia para a creación en Berbés 7 dunha sede do Centro Galego de Arte Contemporánea. Así o informou a presidenta do CCVV e delegada da Xunta, Marta Fernández-Tapias, tras a reunión do consello extraordinario no que si saíu adiante a proposta de trasladar a sede actual a un local propiedade do organismo en Ferrería 45.
Segundo defendeu a representante autonómica, eran dous temas que tiñan que abordarse con máxima urxencia, posto que no caso de Berbés 7 a Xunta de Galicia comprometeuse ao inicio do procedemento para a redacción do proxecto, para o que existe crédito adecuado e suficiente nos orzamentos de 2021 da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Pese a isto, o anuncio por parte dos membros do PSOE de que non votarían a favor incluso antes de debater este punto da orde do día e baixo a escusa de non consideralo urxente, supoñía de facto un novo bloqueo á creación deste espazo cultural. Tampouco se abordou a cesión ao Concello de dúas parcelas afectadas polo proxecto municipal da panificadora. Ambos asuntos serán tratados no consello ordinario do próximo xoves no que Fernández-Tapias confía que si se poida aprobar.
Entende a presidenta do CCVV que a negativa dos membros do PSOE a debater a cesión de Berbés 7 supón unha oportunidade perdida de seguir incorporando á zona proxectos que engaden un plus de dinamismo á rehabilitación e construción de vivenda na fachada marítima, pois o proxecto previsto pola Xunta para albergar neste inmoble un novo espazo cultural se sumaría ao Albergue de Peregrinos, a sede da Universidade de Vigo, á promoción de Berbés 41 e á construción de Berbés 29.
Para Fernández-Tapias, a sede do CGAC contribuiría á dinamización da porta de entrada ao barrio histórico vigués coa creación dun novo espazo cultural nunha zona emblemática da cidade e suporía un contexto de estímulo para a creatividade artística local, mediante a posta en marcha dun contedor de difusión da creación cultural contemporánea, principalmente a través da arte.
Por outra banda, outro punto de debate foi o rechazo a incluír na orde do día a cesión dos locais que a presidenta do CCVV argumentou no feito de que o único proxecto entregado ao Consorcio é o da Xunta de Galicia, que o Goberno galego xa desvinculou da construción da sede do CGAC tras o rechazo da representación municipal do PSOE; e unha solicitude de cesión sin fins definidos e incompleta, presentada por concelleiros de Vigo sen competencias para firmar a petición e comprometerse a incluír os locais no patrimonio municipal.
Nova sede
En canto ao traslado da sede a proposta de Fernández-Tapias, recibiu o visto e prace dos membros do CCVV, polo que acordouse iniciar os trámites de inmediato toda vez que o desafiuzamento das actuais instalacións na Praza da Princesa, nas que o Concello prevé reformas, será efectivo en breve.
Pola súa situación, moi próxima ao Paseo de Alfonso e polo feito de situarse en planta baixa, o local elixido para albergar a sede permanente do CCVV contribuirá a dar unha maior visibilidade que as instalacións actuais e a mellorar a accesibilidade, ao atoparse nunha planta baixa.
Asemade, a presidenta do organismo rehabilitador defendeu que a ocupación dun local en propiedade outorga maior seguridade ao non depender dunha autorización supeditada ao interese municipal. En canto ás características do local, indicou que as proporcións son similares ás actuais e que as obras que se precisan son as mínimas para o seu acondicionamento, por un importe que non superaría os 26.000 euros e que incluiría os gastos derivados do traslado. O prazo de execución das obras estímase nun mes.