PRETO DE 500 PERSOAS TERÁN OPORTUNIDADE DE PARTICIPAR NO  ESCAPE ROOM XACOBEO 21-22 NO ALBERGUE DE PEREGRINOS DE VIGO

 A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou esta novidosa iniciativa que se celebrará ata o vindeiro 17 de abril en 76 sesións de seis persoas por grupo
Neste caso a proposta de xogo xira entorno ao Camiño Portugués da Costa

Preto de 500 persoas terán a oportunidade de participar no Escape Room Xacobeo 21-22 que vense de estrear no albergue público de peregrinos Juan Manuel López-Chaves de Vigo. Así o informou a delegada territorial na cidade, Marta Fernández-Tapias, quen incidiu en que esta novidosa iniciativa busca “fomentar o turismo familiar e dar a coñecer o fenómeno xacobeo desde un punto de vista lúdico”.

Durante a súa visita a unha das 76 sesións desta proposta de xogo, que se celebrará ata o vindeiro 17 de abril, a representante autonómica destacou a “orixinalidade” da actividade que, no caso de Vigo, xira entorno ao Camiño Portugués da Costa. “Achegamos o Camiño á poboación infantil e ás familias fomentando o coñecemento do fenómeno xacobeo”, aseverou.

Os interesados en participar terán que facelo en grupos dun máximo de seis persoas maiores de 6 anos e contarán en todo momento cun director de xogos e un monitor. Para inscribirse só terán que enviar un correo electrónico ao enderezo lucusescaperoom@gmail.com.

Tras o seu paso polo albergue de Betanzos e unha vez se despida de Vigo, o Escape Room Xacobeo viaxará ata o albergue Eligio Rivas de Ourense, entre o 22 de abril e o 1 de maio, para terminar nas fins de semana de maio no albergue de Samos e na Casa Forte de Lusío en Lugo, cun segundo Escape room de maior complexidade, atrezzo e decoración, que xa ten todas as prazas cubertas.