Presentación do Porto de Vigo como espazo cardioprotexido
Galicia é pioneira en España na regulación e implantación de desfibriladores externos semiautomáticos a disposición da cidadanía
O conselleiro de Sanidade, o vigués Julio García Comesaña, remarca que en Galicia hai máis de 2.000 desfibriladores activos
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou no acto de presentación do Porto de Vigo como espazo cardioprotexido, que a inclusión de desfibriladores nos espazos laborais que concentran un gran número de traballadores e cunha actividade incesante, como é o caso do Porto de Vigo, “son fundamentais para asegurar unha intervención rápida e eficaz, xa que a maioría das mortes evitables causadas por factores cardiovasculares ocorren fóra dos centros hospitalarios.
No acto, no que tamén interviñeron o presidente da autoridade portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña; e a presidenta de Cruz Vermella, Carmen Colmeiro Rojo, o conselleiro de Sanidade remarcou que a instalación de forma estratéxica no porto vigués, ao longo de todo o recinto, de dez desfibriladores externos semiautomáticos, “contribuirá a aumentar a porcentaxe de supervivencia e a minimizar as posibles secuelas dunha parada cardíaca; xa que a súa localización garante acceder a eles nun tempo inferior a cinco minutos”.
Ademais, a instalación de desfibriladores en catro vehículos preparados para desprazarse de xeito inmediato ata donde sexa necesario, incrementa, aínda máis, as garantías deste espazo, -subliñou García Comesaña-.
Esta iniciativa é, -tal e como recordou o conselleiro-, grazas ao acordo asinado o pasado mes de maio entre a Consellería de Sanidade, a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, e a autoridade portuaria viguesa, que posibilita converter o recinto portuario e a súa contorna nun espazo cardioprotexido.
García Comesaña lembrou, así mesmo, que as enfermidades cardiovasculares constitúen a principal causa de defunción e que cada ano contabilízanse ao redor de 800 mortes súbitas súbitas en Galicia.
Galicia, espazo cardioprotexido
Tal e como sinalou o conselleiro, a Xunta de Galicia está a apostar, dende hai anos, por iniciativas que melloran a supervivencia nas paradas cardiorrespiratorias. “Precisamente a nosa comunidade foi pioneira en España na regulación e implantación de desfibriladores externos semiautomáticos a disposición da cidadanía”.
Aposta pola aprendizaxe
Tan importante como ter estes dispositivos hoxe presentados, -dixo o conselleiro-, é saber utilizalos. Por iso, dende a Consellería de Sanidade e da man de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, “facemos unha aposta decidida pola aprendizaxe”. Así é que os traballadores do Porto de Vigo “reciben formación en manobras de soporte vital básico e no uso de desfibriladores”. Deste xeito, “incrementamos o número de persoas formadas en reanimación cardiopulmonar básica en Galicia”. Persoas que, no caso de que fose necesario, -dixo o conselleiro-, “non só poderán actuar neste recinto senón, tamén, fóra del, co beneficio que isto supón para o conxunto da cidadanía”.
Segundo García Comesaña, “a través desta iniciativa estamos a continuar coa tarefa de concienciar sobre a importancia de que a cidadanía galega saiba identificar os sinais de morte súbita e coñeza as técnicas de reanimación cardiopulmonar básica”.
Os beneficios da formación son evidentes xa que por cada minuto que pasa calcúlase que a supervivencia das persoas que sofren unha parada cardíaca redúcese nun 10%, de aí que a realización de manobras de soporte vital básico por unha testemuña, xunto coa actuación dos profesionais do 061, poidan duplicar as posibilidades de que vivan, -dixo o conselleiro-.
Sinalar que no acto de hoxe tamén estiveron presentes a directora de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Adriana Regueira, e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias.