A secretaria xeral do PPdeG participou esta tarde nun mitin en Vigo

PAULA PRADO ALERTA QUE A DEMAGOXIA E AS MENTIRAS DA OPOSICIÓN IRÁN IN CRESCENDO NESTES ÚLTIMOS DÍAS DE CAMPAÑA E PIDE AOS GALEGOS QUE NON SE DEIXEN “ENGANAR POLOS SEUS CANTOS DE SEREA”

Critica que Pedro Sánchez viñera a Galicia a vender unhas axudas para a vivenda que xa anunciara hai nove meses e non se comprometera coas rebaixas da peaxe na AP-9 e AP-53, a liña de Moi Alta Tensión de Stellantis ou a chegada dos fondos europeos
“O BNG púxose nesta campaña unha máscara da moderación para esconder a súa verdadeira faciana: a independencia de Galicia, a creación dunha policía propia, o concerto económico ou a imposición do galego na escola”, afirma

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, alertou hoxe en Vigo que “estamos nun momento da campaña na que os anuncios demagóxicos e as mentiras desde os grupos da oposición van a ir in crescendo día tras dia”. “Non nos podemos deixar enganar polos seus cantos de serea”, pediu aos presentes no mitin organizado polo polos populares vigueses no Centro Social Recreativo e Cultural, no que foi presentada pola candidata viguesa pola provincia de Pontevedra, Marta Mariño. Asemade, o acto contou coa asistencia da presidenta Marta Fernández-Tapias, entre outros cargos e representantes da agrupación local.

Neste escenario, Paula Prado referiuse, en primeiro lugar, á visita que Pedro Sánchez fixo onte a Galicia na que “se esqueceu de falar de cuestións tan importantes para a nosa terra, e para Vigo en concreto, como as rebaixas da peaxe na AP-9 e na AP-53, ou da transferencia da titularidade da Autoestrada do Atlántico; a dotación dunha liña de Moi Alta Tensión a Stellantis, que esta factoría leva anos esperando; ou a chegada dos tan necesarios fondos europeos tamén para esta mesma empresa, que lle permitan levar adiante o seu proxecto a longo prazo de coche eléctrico”.

AXUDAS PARA VIVENDA QUE XA TEÑEN OS GALEGOS

“Iso si, veu vender a terras galegas unhas axudas para a compra de vivenda que xa anunciara hai nove meses, en plena precampaña das eleccións autonómicas e municipais”, dixo a secretaria xeral, polo que pediu a Pedro Sánchez que non trate aos galegos “por parvos ou ignorantes”, e cando visite Galicia “polo menos veña coa lección aprendida do que verdadeiramente necesitamos e nos interesa do Goberno de España”. Neste sentido, engadiu tamén a chegada dos trens de Alta Velocidade a toda Galicia ou a rebaixa do IVE da carne e os produtos do mar.

Ademais, Paula Prado salientou que “os galegos xa gozamos de axudas para a compra de vivenda desde hai anos”. De feito, os gobernos de Feijóo e Rueda xa concederon máis de 700 millóns de euros en axudas a 140.000 familias para a compra, aluguer ou rehabilitación de vivenda. E na vindeira lexislatura, Alfonso Rueda xa ten anunciado o obxectivo duplicar as vivendas públicas ata as 8.000 e desenvolver solo residencial para 20.000 protexidas, ao tempo que se impulsarán axudas ao alugueiro para mozos menores de 36 anos.

FALTARALLES TEMPO PARA FACER UN MULTIPARTITO

A secretaria xeral do PPdeG alertou de que “estamos nun momento da campaña electoral na que os anuncios demagóxicos e as mentiras desde os grupos da oposición van a ir in crescendo día tras dia, pero non nos podemos deixar enganar polos seus cantos de serea”. “Porque o inimigo a bater son o Partido Popular e Alfonso Rueda, e faltaralles tempo para que a sopa de letras que configuraría un multipartito se puxera de acordo para facerse coa Xunta”, apuntou.

“A súa preocupación non son os galegos e o seu benestar, senón facerse co Goberno da Xunta e repartirse os cargos, pero sen un programa de Goberno que levar adiante e limitado ás ocorrencias de cada día dos seus posibles membros”, manifestou.

Así, Prado reiterou que o BNG púxose nesta campaña unha máscara da moderación para esconder a súa verdadeira faciana, que non é outra que a defensa da independencia de Galicia; botar da nosa Comunidade á Policía Nacional e á Garda Civil; a posta en marcha dun concerto económico, que supón a perda de 1.000 millóns de euros anuais para Galicia; ou a imposición do galego aos nosos nenos na escola”.

“E ante estas propostas, que di o PSdeG e o seu candidato? A calada por resposta”, explicou Paula Prado, que criticou que están “totalmente submisos ao que ordenen os independentistas galegos para conseguir o seu único fin: chegar á Xunta e que se converta nun mero apéndice do Goberno de España”.