Patrimonio Cultural autoriza o proxecto da mellora da iluminación na subida ao Monte da Guía

Informa favorablemente a súa totalidade, aínda que suxeito a condicionantes

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, vén de dar o seu visto e prace ao proxecto de mellora da iluminación do Monte da Guía proposto polo Concello de Vigo. Autoriza así a totalidade das actuacións previstas neste ámbito, ao consideralas compatibles coa protección ao patrimonio, aínda que suxeitas a unha serie de condicionantes.

A resolución asinada e notificada hoxe especifica respecto á actuación nos tramos de subida ao Monte da Guía, que deberá colocarse un modelo único de luminaria (Urbalite sobre columna Atlas en ton gris ou negro mate), co fin de homoxeneizar os valores ambientais deste espazo público. Calquera outra elección suporía ter que achegar unha nova proposta á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, advirte.

Asemade, indica que, previo ao inicio das obras, o Concello deberá presentar un proxecto de sondaxes arqueolóxicas manuais, co obxecto de poder valorar arqueoloxicamente o subsolo afectado polas intervencións pretendidas para a súa preceptiva autorización. No caso de atopar algún resto patrimonial, informa, se deberá avisar consecuentemente do achado ao órgano autonómico competente na materia.