PATRIMONIO CULTURAL AUTORIZA O PROXECTO BÁSICO DO CONCELLO DE VIGO PARA O TÚNEL DE ELDUAYEN

A Dirección Xeral comunica á administración local o informe favorable ao paso subterráneo que unirá a Porta do Sol e o Barrio do Cura

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dependente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, vén de informar favorablemente ao Concello de Vigo sobre a súa solicitude para avanzar na prolongación do túnel de Elduayen. O departamento autonómico responde así á administración local sobre a petición en relación ao proxecto básico de prolongación do túnel de Elduayen desde Porta do Sol ao encontro co novo vial do futuro proxecto do barrio do Cura.

Patrimonio Cultural notificou á administración local despois de que o Consello Territorial  reunírase este mércores e emitira un dictamen favorable con dous informes, arqueolóxico e arquitectónico. Segundo apunta o departamento autonómico, o proxecto presentado “procura compatibilizar a construción do túnel coa conservación dos restos do baluarte da Falperra, promovendo os seus valores culturais ao favorecer o seu recoñecemento e integración nun ámbito de uso público”.

Tamén sinala que “tendo en conta o grado de definición do documento e desde unha perspectiva estritamente arqueolóxica, o proxecto pode considerarse viable en liñas xerais”. Non obstante, Patrimonio engade que “a súa execución quedará supeditada aos resultados da correspondente intervención arqueolóxica”.

Ademais, o informe arquitectónico apunta que “antes do inicio das obras deberase achegar para a súa supervisión, tanto a documentación que recolla tódolos bens protexidos que son obxecto de desmontaxe, desprazamento e acopio provisional, xunto a documentación gráfica e fotográfica necesaria para a súa correcta protección na posterior montaxe na ubicación correspondente”.

Tamén indica que o Concello deberá presentar “a parte do proxecto de execución que detalle os encontros do pavimento terrizo plantexado na nova cota +34.00, e do graderío da cota superior, cos restos do baluarte de Falperra”.  Por último, a resolución sinala que as obras deberán ter seguemento e participación de especialistas en restauración de bens culturais  e que, cando se presente o proxecto de execución, debe incluirse o plan de  conservación para os restos que se van a musealizar.