ORTIZ SALIENTA O INVESTIMENTO DA XUNTA EN INVESTIGACIÓN A TRAVÉS DA NOVA FASE DO PROXECTO XENOMA GALICIA QUE COMEZOU NA ÁREA SANITARIA DE VIGO
A delegada territorial da Xunta de Galicia visitou o Hospital Meixoeiro no que se iniciou este luns as extraccións de sangue
O obxectivo é chegar a 1.071 participantes da área sanitaria viguesa, que se suman aos máis de 800 que xa colaboraron na área de Santiago e Barbanza
O proxecto ten por finalidade identificar xenes relacionados con cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar
A Xunta inviste 20 millóns de euros no proxecto Xenoma Galicia co obxectivo de recompilar o ADN de 400.000 galegos
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este luns o Hospital Meixoeiro no que se iniciou a nova fase do proxecto Xenoma Galicia coa toma de mostras de sangue. As persoas foron invitadas a participar a través dunha mensaxe SMS, enviadas de forma aleatoria, e reservaron cita para a extracción de sangue a través da app Sergas Móbil. O obxectivo é acadar os 1.071 participantes na área sanitaria de Vigo.
Ana Ortiz destacou os avances en investigación que se poden acadar grazas a este proxecto e o investimento da Xunta. Na visita tamén estiveron presentes o xerente da área sanitaria, Javier Puente, as investigadoras da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica María Brión e Montse Santori, e o xefe de servicio de detección precoz de enfermedades de la Dirección xeral de Saúde Pública de la Consellería de Sanidade, Ángel Gómez Amorín.
As extraccións de sangue realizaranse no Hospital Meixoeiro de luns a xoves en horario de tarde, entre as 15:30 e as 18:30 horas, ata o 9 de xuño. O persoal sanitario informa de todo o proceso aos participantes, que non deberán acudir en xaxún.
O procedemento é o mesmo que o seguido na área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, na que se deu inicio a esta nova fase do proxecto Xenoma Galicia. Progresivamente a invitación estenderase ao resto de áreas sanitarias, ata chegar a 5.000 participantes de toda Galicia.
Detección precoz e medicina personalizada
Coas mostras recollidas no marco do proxecto Xenoma búscase identificar variantes de xenes relacionados con cancro de mama e ovario hereditario, síndrome de Lynch e hipercolesterolemia familiar, ademais de nutrir o biobanco do proxecto.
A primeira e a segunda fase piloto do proxecto permitiron detectar 27 persoas portadoras de variantes xenéticas de alto risco. En consulta, dependendo da variante detectada, infórmase das opcións de seguimento personalizado, de se deben facerlle probas a algún familiar e de hábitos de vida saudable que se poden seguir para diminuír o risco en caso de que, finalmente, apareza a patoloxía.
Este proxecto de investigación de medicina personalizada conta cun investimento do Goberno galego de 20 millóns de euros. Márcase como obxectivo recompilar o ADN de 400.000 persoas.
Por iso, pola porcentaxe de poboación incluída, Xenoma Galicia é un dos proxectos de maior envergadura do mundo. Permitirá predicir o risco de enfermidades antes de apareceren para poder anticiparse a elas e ofrecer tratamentos farmacolóxicos individualizados.
Isto porá a Galicia na primeira liña da investigación biomédica, ademais de ser un revulsivo para a industria biotecnolóxica e farmacéutica do país.
O proxecto Xenoma Galicia, coordinado pola Consellería de Sanidade e baixo a dirección dos investigadores da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica María Brión e Ángel Carracedo, contribuirá ao deseño de novos programas de prevención e detección temperá e personalizada. Ademais, establecerá as bases dun cribado xenético sustentable e equitativo.





