Ortiz salienta a repoboación forestal dos montes de Vigo e a formación laboral xeradas a través dos obradoiros de emprego

A delegada da Xunta en Vigo visitou o obradoiro forestal financiado polo Goberno galego con máis de 205.000 euros
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración adica este ano 3,9 millóns para un total de dez cursos na área viguesa

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este martes aos participantes no IV Obradoiro Forestal nos Montes de Vigo que permitirá formar durante este ano a 10 persoas desempregadas. A representante autonómica confirmou así un investimento de 205.964 euros por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para reeditar unha edición máis o curso que promove a Mancomunidade de Montes de Vigo.

Ortiz salientou a dobre dimensión dos programas formativos activados polo Goberno galego, e nomeadamente dos obradoiros duais, cun alto nivel de inserción laboral de preto do 60%. “Estas iniciativas supoñen experiencias formativas que teñen en conta a realidade social e económica de Galicia, adaptándose á demanda das empresas da contorna”, apuntou a delegada, ao tempo que salientou a simbiose entre formación e emprego como fórmula de éxito.

No obradoiro fórmanse 10 desempregados e desempregadas en tarefas de roza, repoboacións e infraestruturas forestais, recolección de froitos e sementes, tratamentos silvícolas e control de pragas e enfermidades. As actividades realizaranse nos montes de Beade, Bembrive, Cabral, Candean, Comesaña,  Castrelos, Lavadores, Matamá, Saiáns, Valladares e Zamáns.

Novas achegas en 2025

Ademais, a delegada indicou que a Xunta investirá 3,9 millóns en 2025 para un total de dez cursos na área de Vigo. Así, ademais da iniciativa nos montes de Vigo, xa están en marcha as novas achegas para repetir neste 2025 co curso Vigo Capacita X. Tamén Mos promoverá a iniciativa Queda en Mos III; Salceda de Caselas contará co curso Recuperación do Legado Patrimonial; Cangas terá o Granxa da Rúa XIII; en Gondomar o taller Coidando o Miñor; Redondela, o obradoiro Polo Mar de Redondela; O Porriño desenvolverá o obradoiro Porriño Humaniza, e Moaña o taller Labora Hostalería.