ORTIZ DESTACA A CONSOLIDACIÓN DO FESTIVAL THE WILD COMO REFERENCIA PARA CULTURA E NATUREZA
A delegada da Xunta presentou xunto á vicepresidenta da Deputación o evento que se celebrará do 5 ao 7 de setembro no parque forestal de San Miguel de Oia
O emblemático grupo Ilegales completa un cartel con grupos galegos, o concurso de bandas Salvaxesons, cinema, xogos e actividade ao aire libre
“The Wild conta con todos os ingredientes para que a Xunta participe no evento e ofreza todo o seu apoio”, sinalou Ana Ortiz
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, presentou este xoves unha nova edición do festival The Wild que se celebrará entre o 5 e o 7 de setembro no parque forestal de San Miguel de Oia. O evento contará este ano coa actuación de Ilegales, así como con grupos galegos, o concurso de bandas Salvaxesons, cinema, xogos e actividades ao aire libre.
“The Willd reúneo todo, desde música e cinema ata actividades infantís, artesanía, gastronomía e incluso unha zona de acampada. Se ademais engadimos un lugar privilexiado como os montes da parroquia de San Miguel de Oia temos unha auténtica xoia”, destacou a representante autonómica durante a presentación do evento xunto á vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil.
Ortiz destacou o apoio do Goberno galego e sinalou que The Wild conta con “todos os ingredientes para que a Xunta participe no evento” e ofreza todo o seu apoio. “A cultura é un ben que temos que mimar e nesa tarefa sempre nos ides a atopar, xa sodes unha referencia para cultura e natureza”, engadiu durante un acto no que tamén estivo presente Javier Castro, representante da organización do evento.
Pola súa banda, Luisa Sánchez sinalou que desde a Deputación “temos un firme compromiso co sector da cultura e sempre escoitaremos as vosas demandas para facelas nosas en todas as áreas, pero cunha sensibilidade especial no caso da cultura, xa que non se trata só dun sector da sociedade, senón que é ademais un patrimonio e un legado que temos que impulsar e protexer”. A vicepresidenta da institución provincial apuntou tamén que “iniciativas como esta son necesarias para satisfacer a demanda doutro tipo de públicos que escapa dos escenarios masivos».
Ademais, Jacobo Sutil destacou a presenza de grupos galegos na programación do festival. “Os festivais de música son eventos estratéxicos para a Xunta de Galicia pola posiblidade de que os grupos galegos poidan amosar a súa arte, pero tamén polo impacto que teñen no turismo, na economía e en xeral en toda a cadea productiva”, sinalou.
Música e natureza
Consolidado xa como unha das citas máis singulares do verán galego, The Wild combina música, natureza e actividades para todas as idades nun formato multidisciplinar, sostible e familiar. A filosofía do festival aposta por ir máis alá da música para ofrecer unha experiencia na que o parque forestal de San Miguel de Oia convértese en escenario natural de concertos e espectáculos.
O gran reclamo musical será o concerto de Ilegales, banda asturiana de referencia no rock estatal que chega a Vigo con catro décadas de carreira ás costas. A eles súmanse os galegos Sr. Salvaje, Netta Rufina e Los Mortymer, ademais da final do concurso de bandas Salvaxesons, que contará coas actuacións de Supergigante, Exeria, Gargantúa e Martin Human e reafirma o compromiso do festival co talento emerxente.
A programación tamén reserva un lugar destacado para o público familiar. Durante as tardes, o recinto transformarase nun espazo de lecer pensado para que nenos e adultos desfruten con propostas como o espectáculo Animalada de Cé Orquestra Pantasma, o novo show Con lingua propia de Peter Punk Pallaso, e as inéditas Olimpíadas Pallasas, nas que deporte, teatro e xogos tradicionais se mesturan nun ambiente cheo de humor e participación. Non faltarán tampouco obradoiros, xogos, pintacaras e outros espazos pensados para que as familias gocen dunha xornada completa ao aire libre.
Andaina e Orientaventura
En coherencia coa súa identidade, The Wild reforza cada ano o vínculo coa contorna natural que acolle o festival. Nesta edición regresan actividades como a Andaina, un percorrido guiado pola Comunidade de Montes de San Miguel de Oia que pon en valor a riqueza ambiental e paisaxística da zona, e a Orientaventura, unha xincana de orientación con modalidade familiar que convida a descubrir o monte realizando probas e recollendo todas as pistas no tempo proposto.
The Wild Cinema
Outro dos piares máis diferenciais é o The Wild Cinema, festival internacional de cine medioambiental que regresa cunha programación de dezaseis películas de once países. Entre as proxeccións destacan dúas producións galegas, títulos premiados no prestixioso FICMA de Barcelona e unha selección de curtametraxes infantís. As sesións, que se desfrutan ao aire libre no merendeiro do parque, convidan a reflexionar sobre a emerxencia climática, a responsabilidade colectiva e a importancia e fraxilidade do medio ambiente.
A experiencia complétase cun mercado de artesanía e creación, onde artistas e produtores locais amosan os seus traballos, e cunha variada zona gastro.

