ORTIZ ANIMA Á CIDADANÍA A ASISTIR AO NOVO CERTAME DE RONDALLAS DA ÁREA DE VIGO QUE REUNIRÁ UNHA CIFRA RÉCORD DE 17 AGRUPACIÓNS

A delegada territorial da Xunta de Galicia visitou este venres as instalacións do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) nas que se celebrará o tradicional evento

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este venres as instalacións do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) no que se celebrará mañá (17:00 horas) o VIII Certame de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo coa participación de 17 agrupacións procedentes de Vigo, Mos, O Porriño, Gondomar, Nigrán, Tui e Baiona.

Acompañada durante a visita pola vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, e do presidente da Federación de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo, Serafín Rodríguez, a representante do Goberno galego animou á cidadanía a asistir ao Ifevi para poder gozar “dun espectáculo único en Galicia” e que cada ano exerce como escaparate cultural. “As rondallas representan a vitalidade da cultura tradicional na nosa comunidade, un escaparate das agrupacións en toda Galicia, especialmente na área de Vigo”, sinalou Ana Ortiz.

Neste VIII Certame de Rondallas da Área de Vigo participarán un total de 17 agrupacións, catro delas da cidade de Vigo (Valladares, Zamáns, Helios de Bembrive e Beade), catro de Mos (Guizán, Herville, Torroso e Santa Eulalia de Mos), tres do Porriño (Santa María, Pontellas e Atios), dúas de Gondomar (Vincios e Nosa Merced de Chaín), unha de Nigrán (Parada), unha de Tui (Pexegueiro), unha de Redondela (A Miñoteira de Ventosela) e unha de Baiona (Airiños da Lagoa de Baíña ).

En total, as dezasete agrupacións contarán con aproximadamente 1.500 rondalleiros participantes e o Ifevi disporá dun aforo de 7.000 persoas, contando as bancadas do pavillón e as cadeiras que se instalarán. As rondallas da Área Metropolitana de Vigo, que contan con arredor de 100 compoñentes cada unha,  teñen a particularidade  de interpretar as súas pezas con obxectos como poden ser as cunchas e non con instrumentos de corda como é o habitual.