O Xacobeo 21-22 convértese  no principal patrocinador do Europeo de Snipe que se celebrará do 4 a 8 de agosto en Vigo

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, subliña o compromiso do Executivo autonómico para que a cidade adquira cada vez máis protagonismo neste dobre Ano Santo baixo o paraugas do Xacobeo 21-22

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o presidente do Real Club Náutico de Vigo, José Antonio Portela, formalizaron hoxe o convenio de colaboración que converte ao Xacobeo 21-22 no principal patrocinador do Europe de Snipe.

O Campionato do Sur de Europa é Open polo que o obxectivo é reunir ao maior número de participantes nunha cita que pretende honrar a creación da primeira frota do país, a formada en 1941 no club vigués. Polo de agora tense inscrito máis de 60 barcos, dos que 12 son clásicos, e obxectivo do náutico vigués tal e como destacou a delegada e chegar ao centenar de participantes.

A este respecto, Fernández-Tapias destacou a clara aposta do Executivo autonómico de que Vigo vaia adquirindo cada vez máis protagonismo neste dobre Ano Santo Xacobeo, co obxectivo de que chegue a todos e cada un dos recunchos da cidade e colectivos. “Descentralizar a programación para que todos e todas as viguesas poidan gozar dunha celebración que supón unha oportunidade e o principal revulsivo para a recuperación do turismo”, dixo. “Un Xacobeo participativo e unha garantía para que, pese a crise sanitaria, se manteñan as citas culturais, artísticas musicais e deportivas na nosa cidade”, agregou.

Un compromiso que ten reflexo nos moitos eventos que se teñen anunciado baixo a paraugas do Xacobeo 21-22 como é o caso deste Europe de Snipe, a Ruta do Cabaleiro das Cunchas, a Ruta Iacobus Maris que terá lugar o vindeiro ano, o Rally Rías Baixas que se celebrou este fin de semana ou o Festival do Marisquiño, detallou.

En todo caso, a delegada insistiu en que a Xunta segue a traballar para facer deste o mellor Ano Santo de todos os que se recordan cunha potente programación de cara ao 2022 na que Vigo xogará un papel fundamental.