O TRIBUNAL DO CONCURSO DE IDEAS PARA O NOVO CENTRO DE ASOCIACIONISMO DE VIGO CONSTITÚESE PARA ELIXIR O PROXECTO QUE PERMITIRÁ A REFORMA DO EDIFICIO DOS XULGADOS

A delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, recibiu aos membros do tribunal que terán que dilucidar entre as 29 propostas presentadas
O orzamento estimado para intervir na totalidade do edificio -incluíndo as tres plantas do soto- ascende aos 12,6 millóns de euros

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, recibiu aos membros do xurado do concurso de ideas convocado para o novo Centro de Asociacionismo de Vigo despois de constituirse o tribunal na propia Delegación do Goberno galego na cidade. O grupo seleccionador será o encargao de elixir entre as 29 propostas presentadas o plan que mellor cumpra a finalidade de remodelar o vello edificio dos xulgados.

O desenvolvemento do concurso de ideas e posterior adxudicación do procedemento para a contratación do servizo de redacción do proxecto da obra de rehabilitación do edificio dos xulgados situado na Rúa Lalín de Vigo permitirá contar no mes de maio cun anteproxecto que servirá de base para a rehabilitación. O orzamento estimado para intervir na totalidade do edificio -incluíndo as tres plantas do soto- ascende aos 12,6 millóns de euros.

Todo o proceso lévase a cabo despois de que o Goberno galego e o Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) firmasen un convenio en busca do mellor proxecto. Segundo inclúe o prego de condicións do concurso, o inmoble da rúa Lalín terá un auditorio con aforo para 400 persoas, unha sala de exposición, 6 salas de reunións, 5 salas de ensaio e 5 salas polivalentes, todas elas para uso por parte das asociacións.

Esta actuación pretende habilitar locais na planta baixa e da primeira e quinta do edificio e a súa cesión a asociacións da cidade. Ademais, tamén se poderán trasladar dependencias administrativas que están a ocupar oficinas alugadas. Os traballos poderían estenderse a outras tres plantas -os 2 sotos e o semisoto- que na actualidade se destinan a aparcamento e zona de arquivos, polo que poderían habilitarse unhas 134 dependencias.

Premios para os gañadores do concurso

No orzamento de 12,6 millons inclúense 100.000 euros para os premios do concurso de ideas e máis de 409.000 euros para a redacción do proxecto derivado do concurso e a dirección de obra. Nos orzamentos resérvase un crédito de 3 millóns de euros.