O Sergas aumenta nun 40 % as axudas deste ano a entidades sen ánimo de lucro para a realización de programas de carácter sociosanitario

A asociación viguesa Alento atendeu 20 persoas a través dun programa de Rehabilitación fisioterapéutica en relación co dano cerebral adquirido que recibiu máis de 11.000 euros
Un total de 18 entidades puideron beneficiarse destas axudas na convocatoria anterior

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañado da Delegada Territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias e do xerente da área sanitaria, Javier Puente, visitou hoxe a Asociación de Dano Cerebral de Vigo (Alento), beneficiaria das axudas que o Servizo Galego de Saúde concede a entidades sen ánimo de lucro para programas sociosanitarios.

No marco desta visita, o conselleiro reafirmou o compromiso do goberno galego neste eido destacando que a convocatoria para o ano 2022 destas axudas, publicada a principios de xaneiro, incrementa un 40% o seu orzamento con respecto á convocatoria anterior, chegando a un crédito inicial de 250.000 euros.

O importe máximo a solicitar polas entidades pasa a ser de 16.000 euros, cando no ano anterior era de 12.000. O prazo de presentación das solicitudes estará aberto ata finais de febreiro.

Agárdase por tanto superar os resultados do ano pasado, no que estas axudas beneficiaron a 18 entidades que desenvolveron programas de apoio psicolóxico, de estimulación cognitiva, de integración sensorial ou de rehabilitación de fisioterapia para pacientes con trastornos do espectro autista, trastornos da conduta alimentaria, enfermidades raras, alzheimer, ELA e outras enfermidades neurodexenerativas. Tamén parálise cerebral ou dano cerebral adquirido.

Dende Sanidade avógase por incrementar as axudas, xa que se considera que hai un labor de apoio sociosanitario a estes pacientes que vai máis alá dos centros sanitarios e ao que pode atender un tecido asociativo que en Galicia é moi potente.

Programa de rehabilitación fisioterapéutica a través de Alento

Na visita ás instalacións de Alento, o conselleiro de Sanidade puxo en valor o labor que desenvolve esta entidade de cara ás persoas con dano cerebral adquirido e os seus familiares. Do mesmo xeito, o titular da carteira sanitaria da Xunta tamén fixo fincapé na importancia de dar visibilidade a este colectivo e concienciar a poboación sobre unha realidade que afecta a milleiros de galegos.

Comesaña destacou a Alento como un exemplo dese tecido, tratándose dunha asociación sen ánimo de lucro e de iniciativa social que facilita o día a día das persoas con Dano Cerebral Adquirido.

Os máis de 11.000 euros recibidos a través da convocatoria de axudas para programas sociosanitarios do Sergas en 2021 permitiron a Alento atender 20 persoas a través dun programa de Rehabilitación fisioterapéutica que busca mellorar e manter as capacidades sensitivomotoras dos usuarios a través de plans individualizados. Para isto conta con diversos profesionais da fisioterapia, psicoloxía, logopedia, traballo social ou terapia ocupacional. No 2021, executouse entre os meses de xaneiro e outubro. Preto do 75 % dos beneficiarios manifestaron unha clara melloría no seu benestar físico.

Apoio integral e transversal da Xunta
Durante a visita a Alento, Comesaña destacou que as axudas do Sergas son só unha parte do apoio integral que a Xunta de Galicia presta a este tipo de entidades a través de coordinación entre os distintos departamentos autonómicos. Así, lembrou que as axudas para programas sociosanitarios da Consellería de Política Social tamén financian programas deste tipo de entidades e que, por exemplo, o ano pasado concederon á Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE, na que se integra Alento), máis de 400.000 € para programas compartidos.

Ademais dos programas específicos, existe un apoio estrutural do goberno galego a entidades como Alento. O ano pasado, a Xunta financiou con 850.000 euros 72 prazas públicas nos recursos que presta a asociación. O conselleiro lembrou tamén que a sede na que Alento desenvolve a súa actividade foi edificada co apoio da Xunta de Galicia, que achegou case 3 millóns de euros á súa construción.

Como conclusión, Comesaña salientou a execución dos programas e servizos que ofrece a asociación viguesa co apoio da Xunta. Programas que redundan nunha mellor calidade de vida dos usuarios e contribúen á súa inclusión sociolaboral.