O PROGRAMA XOGADE DA XUNTA REÚNE EN ZAMÁNS A PRETO DE 2.000 ESCOLARES NO CAMPIONATO PROVINCIAL DE CROS
A delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, presentou este xoves a proba destinada a categorías benxamín, alevín, infantil e cadete
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, presentou este xoves o Campionato Provincial de Cros que reunirá o vindeiro sábado en Zamáns a un total de 1.879 escolares da provincia (24 clubs e 124 centros educativos) no marco do programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos en idade escolar). A representante autonómica explicou que o vindeiro sábado, a partir das 10:00 horas, disputaranse as probas das categorías masculina e femenina benxamíns (2017-2018), alevíns (2015-2016), infantís (2013-2014) e cadetes (2012-2011).
Segundo explicou Ana Ortiz, a campaña de actividade lúdico deportiva Xogade é unha iniciativa promocionada e financiada pola Xunta de Galicia co obxectivo de levar a actividade a todos os concellos galegos e brindarlles aos escolares a posibilidade de practicar e competir cos clubs e colexios de toda a comunidade autónoma. “O Goberno galego dá así resposta a un dos obxectivos principais da política deportiva, que non é outra que fomentar e estender o deporte educativo e saudable a toda a sociedade desde as idades máis temperás”, sinalou.
