Tras o pleno extraordinario do Concello de Vigo pola sentenza da cuñada da presidenta da Deputación,

O PP volve esixir a dimisión de Carmela Silva “por responsabilidade, por ética e por dignidade política”

Cubela acusa ao Goberno socialista “de xogar ao escondite” no Concello e na Deputación ao negarse a dar explicacións pola condena por corrupción máis importante da historia recente de Galicia.
“Esta trama en calquera concello decente daría lugar á dimisión do alcalde e do Goberno, aínda cando non houbera ningunha relación familiar entre a contratada e o Goberno. Pero é que ademais, a contratada non era unha persoa anónima, non era unha persoa calquera, era a cuñada da tenente de alcalde e da presidenta da Deputación de Pontevedra”, subliña Marnotes.

O Partido Popular volveu esixir esta mañá a dimisión de Carmela Silva no Concello de Vigo e na Deputación de Pontevedra, “por responsabilidade, por ética e por dignidade política”. Foi tras o pleno extraordinario que se celebrou no Concello de Vigo, a petición dos grupos da oposición, para reclamar explicacións tras a sentenza do Tribunal Supremo no que un alto funcionario municipal vai ir cinco anos á cárcere por idear unha trama para contratar irregularmente á cuñada da presidenta provincial e tenente de alcalde de Vigo, que recibiu 108.000 euros por uns traballos que non fixo.

O voceiro do grupo provincial, Jorge Cubela, que se achegou ata o Concello de Vigo para asistir ao pleno extraordinario xunto co resto de deputados provinciais aínda que finalmente non lles deixaron acceder á sala, acusou ao Goberno socialista “de xogar ao escondite” neste pleno extraordinario do Concello de Vigo e tamén na Deputación de Pontevedra. “Os grupos da oposición asumiron a súa responsabilidade para fiscalizar ao Goberno, e non recibiron nin unha soa explicación ante o caso de corrupción máis grave da historia recente de Galicia. Nin do alcalde nin de Carmela Silva que, por certo, asistiu de xeito telemático ao pleno”.

Cubela preguntou si “alguén consideraba unha casualidade que a beneficiada  de toda esta trama sexa a cuñada de Carmela Silva”, e esixiu que a presidenta da Deputación, como familiar directa da persoa beneficiada desta trama de corrupción, “ten que dar explicacións no Concello de Vigo e tamén na Deputación de Pontevedra. Porque isto tamén afecta á institución provincial. Carmela Silva  non pode seguir con responsabilidades públicas. Dános igual que fose indultada polo seu partido para presidir aos socialistas galegos. Por responsabilidade, por ética e por dignidade política, Carmela Silva non pode continuar ocupando responsabilidades públicas no Concello de Vigo e na Deputación de Pontevedra”.

Igual de crítico se amosou o deputado provincial e voceiro do grupo municipal Alfonso Marnotes, que sinalou que “hoxe foi un moi mal día para a democracia en Vigo e na provincia, xa que Abel Caballero e Carmela Silva ríronse da cidadanía na súa estratexia de ocultación e falta de transparencia, para non dar explicacións pola condena por corrupción máis importante da historia recente de Galicia”.

Ademais, subliñou que “esta trama en calquera concello decente daría lugar á dimisión do alcalde e do Goberno, aínda cando non houbera ningunha relación familiar entre a contratada e o Goberno. Unha trama ilegal que funciona durante cinco anos e no que se malversan 108.000 euros de cartos públicos tería que provocar dimisións directas dos responsables políticos. Pero é que ademais, a contratada non era unha persoa anónima, non era unha persoa calquera, era a cuñada da tenente de alcalde e da presidenta da Deputación de Pontevedra. Isto é o que ocorreu neste concello, e unha vez que se fixeron públicos os feitos, o Goberno socialista non fixo nada para reclamar e denunciar esta trama”.

Para o popular “é indigno o que ocorreu no pleno e por iso Carmela Silva non debe continuar nin un minuto máis nos seus cargos públicos. Non pode representar con dignidade nin a provincia nin o concello de Vigo. Si non soubera nada, a primeira interesada en aclarar estes feitos sería ela. E o que fixo foi mirar cara outro lado. Que ten que pasar para que Carmela Silva se vaia definitivamente?”.

Marnotes amosouse convencido de que “antes ou despois darase a coñecer toda a verdade. Non sabemos si aínda hai máis persoas, familiares ou achegados que poidan estar contratadas por empresas concesionarias municipais. Como pode negar o alcalde dun xeito veraz que non hai máis casos?”.

O pleno celebrouse sen público, a porta pechada e emitiuse en streaming _a emisión interrompeuse con ocasión da intervención do voceiro popular Marnotes_, durou pouco máis de quince minutos e no que nin Carmela Silva nin Abel Caballero tomaron a palabra. “Ela evitou dar a cara no pleno e asistiu telematicamente coa escusa de que tiña axenda en Pontevedra”.