O PP DESIGNA A MARTA FERNÁNDEZ-TAPIAS, SITO ALMUIÑA E SANDRA BASTOS DEPUTADOS PROVINCIAIS DO PX DE VIGO

A edil de Redondela compartirá escano con Paula Bouzós, voceira dos populares en Gondomar.

A voceira do PP de Vigo, Marta Fernández-Tapias, o alcalde de Baiona, Sito Almuiña, e a concelleira de Redondela, Sandra Bastos, serán os deputados do Partido Popular polo PX de Vigo, tras ser ratificados esta mañá cos votos dos concelleiros populares na xunta electoral de zona. No caso de Bastos, o escano será compartido con Paula Bouzós, de Gondomar, que asumirá a acta os últimos dous anos de mandato.

Hoxe pechouse en Vigo a elección de deputados provinciais que formarán o próximo Goberno da Deputación de Pontevedra, que estará presidida por Luis López e cuxos vicepresidentes serán Marta Fernández-Tapias, que se ocupará de Vigo e da súa zona de influencia, e Rafa Domínguez.

Segundo explicou López, o PP conta cun gran equipo, de xente moi preparada, coñecedora da provincia e con ampla traxectoria para xestionar a Deputación de Pontevedra con estabilidade e sentidiño, para que volva a ser unha institución provincial eficaz para todos os concellos e cidadáns desta provincia. De feito, este é un dos eixos do futuro goberno provincial: gobernar para todos os concellos, para os 61, sen sectarismos, porque todos son igual de importantes e unha cuestión na que a Deputación debe mellorar con respecto aos últimos tempos.

Para elixir aos deputados provinciais, o PP celebrou unha ronda de contactos nos sete partidos xudiciais da provincia para escoitar as opinións de cada un dos representantes locais do partido para, entre todos, elixir por consenso ás catorce persoas que formarán parte do Goberno provincial nos próximos catro anos.

Así, ademais de Luis López, Marta Fernández-Tapias, Sito Almuiña e Sandra Bastos, tamén formarán o Goberno provincial Rafa Domínguez, Jorge Cubela, María Ramallo e Isabel Couselo, polo partido xudicial de Pontevedra; Alejandro Lorenzo e Roberto Carrero, polo de Tui; Nava Castro, por Ponteareas; Javier Tourís e Marcos Guisasola, polo partido xudicial de Cambados; e José López Campos, polo da Estrada.