Consideran que, tras o fracaso do PERTE VEC, Galicia ten que recibir, como mínimo, o 23,6% destes fondos, correspondentes ao peso da industria galega do sector no conxunto de España

O GRUPO POPULAR SOLICITA A PETICIÓN DO PP VIGUÉS AXUDAS DIRECTAS DO GOBERNO CENTRAL NON INFERIORES AOS 700 M€ PARA A AUTOMOCIÓN GALEGA

A presidenta local, Marta Fernández-Tapias, quen alertou do “risco real” de deslocalización de Stellantis ante o “inmobilismo” do Goberno de Sánchez, presentou hoxe a iniciativa que será debatida en O Hórreo
O deputado autonómico Moisés Rodríguez criticou que o Executivo central conceda a dedo axudas directas de maneira discrecional a determinadas comunidades autónomas, deixando fóra a Galicia
Ambos coincidiron en que a automoción xoga un papel estratéxico na economía de Galicia, é moi especialmente na comarca de Vigo, cunha facturación que ascendeu a 11.200 M€ no 2021, co 13,7% do emprego industrial da nosa Comunidade

A presidenta do PP de Vigo e candidata á Alcaldía, Marta Fernández-Tapias, presentou hoxe a Proposición non de Lei rexistrada polo Grupo Popular no Parlamento de Galicia a petición da formación viguesa. Unha iniciativa que será debatida este martes, encamiñada a demandar ao Goberno central unha axuda directa para a automoción galega equivalente ao peso desta industria no conxunto de España, non inferior aos 700 millóns de euros, que representa o 23,6% dos fondos destinados ao PERTE VEC, que na actualidade se sitúa nos 2.975 millóns de euros en subvencións e préstamos.

Nunha rolda de prensa, na que Fernández-Tapias estivo acompañada polo deputado Moisés Rodríguez, que será o encargado de defender este martes a Proposición non de Lei, e a responsable da Comisión de Economía e Industria do PP vigués, Patricia García, alertou do “risco real” de deslocalización de Stellantis ante o “inmobilismo” do Goberno de Sánchez que “nin está nin se lle espera”.

Na súa opinión, “Galicia e nomeadamente Vigo seguen sen formar parte da axenda industrial dos socialistas en connivencia cos seus representantes na cidade”. Difícil explicación ten para Fernández-Tapias que a primeira fábrica automobilística de España en produción de vehículos “sexa á vez a que recibe a menor asignación de fondos económicos europeos por parte do Estado”.

“Levamos meses -dixo-, mentres outros prefiren poñerse de perfil ou vir a Vigo a pasearse coas mans baleiras, pedindo ao Executivo central que atenda as demandas da automoción viguesa e concrete as axudas asociadas as inversións de Stellantis”. Fernández-Tapias recordou que a factoría de Balaídos é a cabeza tractora dun sector que é clave para a economía local, ao tempo no que alertou do efecto dominó que implicaría a súa deslocalización no resto da industria viguesa.

Tanto a candidata como o deputado autonómico coincidiron en que o sector da automoción xoga un papel estratéxico na economía de Galicia, e nomeadamente na comarca de Vigo, cunha facturación en 2021 de 11.200 M€, xerando 23.450 postos de traballo directos, equivalentes ao 13,7% do emprego industrial da nosa Comunidade, segundo datos publicados polo clúster CEAGA.

O balance do pasado ano reflicte que  esta industria fabricou en Galicia o 23,6% dos vehículos producidos en España, liderando un ano máis a clasificación nacional, grazas a que a factoría de Balaídos de Stellantis volve a ser a fábrica de coches máis produtiva.

Axudas discrecionais

Con estes datos sobre a mesa, Rodríguez criticou que o Executivo central conceda a dedo axudas directas de maneira discrecional a determinadas comunidades autónomas, deixando fóra a Galicia. Precisamente a iniciativa popular recolle que “tras o fracaso do PERTE VEC, que deixou ao redor de 2.200M€ sen adxudicar tras a terceira resolución da convocatoria, o Goberno do Estado tentar calmar os ánimos co compromiso de sacar outra convocatoria de axudas, concede a dedo axudas directas de maneira discrecional a determinadas comunidades autónomas”. .

Deste xeito, os deputados populares sinalan a axuda directa de  90 M€ para a Comunidade Valenciana para a implementación dun instrumento de apoio a proxectos para o desenvovemento dunha fábrica de baterías, despois de ter concedido 357 M€ ao proxecto liderado por Seat e Volskswagen, ou a axuda de 29,6 M€ á Comunidade de Cataluña para a financiación de actuacións que faciliten o desenvolvemento do ecosistema eléctrico e conectado.

“Todo isto sucede mentres Stellantis segue sen poder optar aos fondos europeos Next Generation para poder financiar o desenvolvemento das súas plataformas de vehículo eléctrico, a pesares de que o propio Goberno se comprometese a realizar unha nova convocatoria do PERTE VEC”, finaliza sinalando a iniciativa popular.