O FESTIVAL “GALICIA ILUSIONA” CHEGA ESTE SÁBADO A VIGO COA SÚA MAXIA ITINERANTE COMO ADIANTO DA GALA QUE PERCORRERÁ AS GRANDES CIDADES GALEGAS

A delegada territorial da Xunta destaca a iniciativa que ten como obxectivo levar e encher de ilusión toda a comunidade como reclamo turístico
O Auditorio Mar de Vigo acollerá o 22 de outubro o Festival Mundial do Ilusionismo e haberá unha función na Unidade de Pediatría do Cunqueiro

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, presentou este mércores xunto aos magos galegos Pedro Bugarín e Dani Polo o Festival Mundial do Ilusionismo Galicia Ilusiona, que chegará o vindeiro mes de outubro. A iniciativa percorrerá por segunda vez toda Galicia con actuacións nas sete grandes cidades galegas.

Segundo avanzou Ana Ortiz, que estivo acompañada polos directores e promotores Pedro Bugarín e Daniel Polo, o espectáculo recalará o 22 de outubro no Auditorio Mar de Vigo e uns días antes, en data por determinar, haberá unha función solidaria na Unidade de Pediatría do Hospital Álvaro Cunqueiro. Ademais, este mesmo 23 de setembro celebrarase no centro comercial Vialia Vigo a iniciativa maxia itinerante, novidade nesta segunda edición do festival.

“Trátase de maxia dun altísimo nivel da man dos mellores e máis premiados ilusionistas do momento que xa están inundando de ilusión Galicia nun ano máxico inesquecible”, sinalou a representante autonómica. A Xunta apoia esta iniciativa co obxectivo de converter a Galicia en referente e epicentro da maxia a nivel mundial e, ao mesmo tempo, levar e encher de ilusión toda a comunidade.

O Festival Mundial do Ilusionismo Galicia Ilusiona inclúe as sete grandes urbes galegas para converter a Galicia na capital mundial do ilusionismo. A iniciativa ten unha parte solidaria con espectáculos previstos nas plantas de Pediatría dos principais hospitais galegos aos que se desprazarán os propios artistas para facer partícipes do festival e achegar a ilusión aos pequenos ingresados.