O CONSORCIO CASCO VELLO REVITALIZARÁ O BARRIO HISTÓRICO VIGUÉS COA ADXUDICACIÓN ESTE XOVES DE QUINCE LOCAIS PARA INICIATIVAS COMERCIAIS E CULTURAIS

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presidirá mañá o consello extraordinario do organismo autónomo no que se completará o proceso de alugueiro dos baixos
“O proceso foi un éxito absoluto e recibimos case que un centenar de ofertas por parte de novos negocios e colectivos para dinamizar a zona”, sinalou a presidenta do Consorcio
O proceso de adxudicación directa continúa adiante para outros cinco locais e nos vindeiros días publicarase a súa tramitación no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra

A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Marta Fernández-Tapias, anunciou a adxudicación este xoves no consello extraordinario do organismo autónomo do alugueiro de quince locais a novos negocios, emprendedores e actividades comerciais e culturais.

“O proceso foi un éxito e de xeito inmediato un total de quince empresas poderán abrir as súas portas no barrio histórico vigués, o que suporá unha importante dinamización da zona”, sinalou a representante autonómica.  Segundo avanzou a máxima responsable do Consorcio, os locais quedarán adxudicados este xoves e de forma inminente os gañadores do concurso público poderán iniciar a súa actividade no Casco Vello.

O Consorcio remata así o proceso iniciado o pasado mes de xuño coa publicación das bases do concurso de alugueiro dos locais con prezos que van desde os 70 euros (rúa San Sebastián, 8) o máis barato ata os 255 euros o máis caro (Subida á Costa, 5).

Catro dos baixos comerciais concentraron a maioría das ofertas e recibiron un total de 44 propostas. O inmoble de Abeleira Menéndez 16 tivo dezaseis candidatos, mentres que o da rúa Santiago 15 chegou ata as once, o de Santiago 19 outras nove e San Sebastián 16 recibiu oito máis.

O proceso continuará agora coa posibilidade de adxudicación directa doutros cinco baixos comerciais, tal e como recolle o prego de condicións. Así, nos vindeiros días publicarase no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) o concurso coa descrición dos locais e as condicións de alugueiro.

Paralización

“A xestión do Consorcio continúa adiante a pesar da permanente negativa do alcalde a calquera investimento da Xunta en Vigo. Xa bloqueou hai dous anos outro gran proxecto para dinamizar o barrio e agora segue empeñado en torpedear o barrio histórico e non só está en contra dos alugueiros senón que votou en contra dos orzamentos e do plan de investimentos”, sinalou.

Como xa explicou a presidenta tras o consello de administración do Consorcio celebrado o pasado mes de setembro, os representantes municipais buscan paralizar a rehabilitación do Casco Vello. “O alcalde ten unha estratexia programada para dinamitar e torpedear calquera actuación do Consorcio, simplemente polo feito de que é a Xunta a que xestiona o organismo e non lle pode sacar réditos partidistas”, engadiu.