O Consorcio Casco Vello de Vigo estrea sede en Ferrería 45

A presidenta do CCVV e delegada territorial da Xunta de Galicia, Marta Fernández-Tapias, informa que o novo local está xa operativo no barrio histórico
Indica que a decisión de ocupar un baixo en propiedade outorga maior seguridade ao non depender da autorización municipal e contribúe a darlle maior visibilidade

O Consorcio Casco Vello de Vigo xa opera na nova sede de Ferrería 45. Así o informou hoxe a súa presidenta e delegada territorial da Xunta, Marta Fernández Tapias, quen defendeu que a decisión de ocupar un baixo en propiedade do organismo outorga unha maior seguridade ao non depender dunha autorización supeditada ao interese municipal. Asemade, destacou que ao atoparse nunha planta baixa contribúe a  darlle maior visibilidade e a mellorar a súa accesibilidade.

Indicou así que o emprazamento axústase ás esixencias dos estatutos (uso administrativo destinado a oficina) e é congruente cos obxectivos de rehabilitación integral do conxunto histórico, incorporando usos compatibles co de residencia.

Fernández-Tapias recordou que dende a súa constitución o CCVV non dispuxo dunha sede definitiva, ocupando a cedida provisionalmente polo Concello de Vigo na praza da Princesa. Tal circunstancia provocaba que periodicamente se tivera que subscribir un convenio que permitía o uso do inmoble, condicionado ás necesidades municipais que puideran requirir en calquera momento a súa reversión, argumentou.

Como exemplo, a presidenta do CCVV referiuse ao feito de que, dous meses despois de aprobar a derradeira cesión de uso do inmoble aprobouse un proxecto que obrigou a súa suspensión, en clara referencia ás obras de reforma integral anunciadas polo Concello. Por tanto, opinou Fernández-Tapias, “esta era a mellor solución para evitar esta situación de dependencia e incerteza”.

Características

En canto ás características do local, indicou que as proporcións son similares ás que ocupaba ata o de agora e que as obras que se precisaron para acondicionar o novo local foron as mínimas. En conxunto dixo, supuxo unha inversión por parte do CCVV de preto de 26.000 euros, incluídos os gastos derivados do traslado.

Segundo informou, os traballos consistiron na instalación dun novo recrecido e pavimento de formigón pulido, un falso teito acústico desmontable e un aseo adaptado. Asemade, renováronse as instalacións eléctricas, de fontanería, saneamento, telefonía e ventilación.