O CONSORCIO CASCO VELLO AVANZA NA REHABILITACIÓN DUN DOS EDIFICIOS DE MAIOR VOLUME DA ZONA BAIXA DO BARRIO
A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do organismo autónomo, Marta Fernández-Tapias, visitou este luns as obras de reforma do inmoble de Real 1,3
Esta rehabilitación, que se executa con un importe de 557.350 euros, permitirá engadir a finais de ano catro novas vivendas ao parque do Consorcio
“A día de hoxe non podemos contratar a reforma de catro edificios máis debido ao bloqueo do Concello, que votou contra o orzamento e o plan de investimentos”
A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Marta Fernández-Tapias, visitou este luns as obras de rehabilitación que se levan a cabo no edificio situado no número 13 da rúa Real.
“A finais de ano estará rematada esta obra que permitirá poñer a disposición dos vigueses nova vivienda protexida”, sinalou a máxima responsable do organismo autónomo. A reforma do inmoble foi adxudicada en concurso público a Prace Servizos e Obras S.A. por un importe de 557.350,43 euros (IVE incluído).
Segundo explicou a representante autonómica, a partida económica foi aprobada en novembro de 2021 e dividiuse en dúas anualidades, de forma que as obras concluirán a finais do 2022. “Por desgraza a día de hoxe continúa o bloqueo por parte do alcalde, que votou en contra do orzamento e do plan de actuacións, polo que non podemos levar a cabo máis rehabilitacións nin comprar máis inmobles para reformar”, recalcou Fernández-Tapias.
Catro vivendas e un local
A delegada destacou que esta nova edificación é unha das de maior volume construtivo na zona baixa do casco histórico vigués e permitirá engadir catro vivendas e un local comercial ao parque do Consorcio Casco Vello. Cada unha das novas residencias terá unha superficie aproximada de 63 metros cadrados e contará cun dormitorio, un baño, comedor-cociña e zona de servizos.
O proxecto de rehabilitación, que corresponde a Rodríguez e Rivoira Arquitectos, súmase así ás outras cinco vivendas xa recuperadas nas dúas promocións previas (Real 16 e Real 25) acometidas polo CCVV nesta rúa. Na mesma sitúase tamén a sede dos Rexistros Mercantís de Vigo, construídos sobre unha serie de edificios adquiridos no seu momento polo organismo público.
Grandes ventás
O edificio, que tivo que ser baleirado debido ao seu mal estado de conservación, manterá a súa fachada de pedra con grandes ventás, sen dúbida o elemento máis característico desta centenaria construción, como se recolle na ficha correspondente do PEPRI do Casco Vello.