O CONSORCIO CASCO VELLO ADXUDICA A CONSTRUCCIÓN DUN NOVO EDIFICIO NA RÚA ALTA CUN INVESTIMENTO DE 1,47M€ PARA CINCO NOVAS VIVENDAS DE PROTECCIÓN AUTONÓMICA

A delegada territorial da Xunta e presidenta do organismo autónomo, Ana Ortiz, destaca a recuperación de catro parcelas do barrio histórico
O prazo de execución da obra será de 12 meses para construír dúas vivendas dúplex e outras tres de dous dormitorios

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello (CCVV), Ana Ortiz, anunciou este mércores o inmediato inicio dunha nova obra que permitirá recuperar catro parcelas do barrio histórico e dotar á cidade con nova vivenda de protección autonómica.

A representante autonómica, acompañada pola conselleira do organismo autónomo Luisa Sánchez, informou da aprobación no último comité executivo do CCVV da adxudicación da súa próxima promoción na rúa Alta 8-10-12-14, que supoñerá a creación de cinco novas vivendas. Ortiz engadiu que o proxecto, elaborado polo arquitecto Javier Vázquez Fernández, foi adxudicado por un importe de 1,474.000€.

As vivendas resultantes desta intervención destinaranse á venda baixo a cualificación, como todas as promovidas polo CCVV, de Vivendas de Protección Autonómica (VPA) de prezo concertado. Construiranse sobre a agrupación de catro solares adquiridos polo CCVV en decembro de 2021, e supoñerán a primeira intervención do Consorcio nesta rúa, moi próxima á Porta do Sol e rúa Elduayen. De acordo coa ficha técnica da promoción, o edificio resultante contará con cinco vivendas, dúas dúplex, distribuídas en catro plantas.

A primeira delas, a única con dous dormitorios xa que todas as demais terán tres, ocupará a planta baixa e terá unha superficie aproximada de 90 metros cadrados. As plantas primeira e segunda acollerán cada unha delas unha vivenda de 113 metros cadrados, en tanto que na terceira crearanse dúas residencias, unha de 93 e outra de 70 metros cadrados. Todas elas contarán con rocho e o prazo de execución da obra será de 12 meses.

Próximas rehabilitacións

“Poñemos en marcha a recuperación dunha zona de alto valor urbanístico para seguir dotando á cidadanía de nova vivenda e continuaremos traballando tamén noutras zonas do Casco Vello”, sinalou. A delegada territorial referíase así ás próximas rehabilitacións que se levarán a cabo na Ribeira do Berbés e na rúa Real.

Ortiz sinalou que ao longo do presente ano 2026 estará lista a licencia para os edificios situados nos número 25 e 27 do barrio de O Berbés. A planificación do CCVV establece que se crearán seis novas vivendas nos dous inmobles, un deles xa completamente baleirado. Ademais, tamén procederase este ano á compra do edificio do número 20 da rúa Real para iniciar o proxecto de recuperación.

“O traballo feito durante os últimos 20 anos para a recuperación do barrio histórico vai a ter continuidade, porque o noso compromiso é firme e imos seguir nesta liña para que o Casco Vello teña unha rehabilitación integral no menor tempo posible e tamén aporte novas vivendas para novos veciños”, sinalou a presidenta do organismo.