O CONSELLO DA XUNTA AUTORIZA A LICITACIÓN DAS OBRAS DE URBANIZACIÓN DO PRIMEIRO POLÍGONO DE SAN PAIO DE NAVIA, EN VIGO, POR 11,5 MILLÓNS DE EUROS

Os traballos que se van desenvolver son a pavimentación, sinalización de vías, accesibilidade, xardinaría, o equipamento urbano e a construción das redes de abastecemento, saneamento, enerxía eléctrica, iluminación, gas e telecomunicacións
Nesta fase está prevista a construción de 733 vivendas protexidas: 207 de promoción pública, 331 que construirán cooperativas e promotores e 195 de permutas de solo
A Xunta lamenta que o atraso acumulado e os constantes cambios de criterios do Concello xa supoñen un custo engadido de 2,4 M€ para as arcas autonómicas

O Consello da Xunta de Galicia autorizou hoxe a licitación das obras de urbanización do primeiro dos tres polígonos en que se divide a ampliación de San Paio de Navia, en Vigo, cun importe base de 11.453.034,13 millóns de euros, o que suporá dar un paso máis no desenvolvemento desta gran bolsa de solo residencial.

O polígono 1 abrangue máis dun terzo da superficie total, 99.165 m2, e nel están previstos traballos de pavimentación, sinalización de vías e semaforización, accesibilidade, xardinaría —222 árbores e 9.900 m2 de céspede—, equipamento urbano —incluídas dúas áreas de xogo e unha de exercicio—, e a construción das redes de abastecemento, saneamento, enerxía eléctrica, iluminación, gas e telecomunicacións. Así mesmo, inclúe gran parte do carril bici de 2,2 km proxectado na ampliación.

Deste xeito, habilitarase o ámbito para a construción de 733 vivendas protexidas, cuxas obras se poderán ir acompasando ás devanditas actuacións de urbanización. Deses inmobles, 207 son de promoción pública, é dicir, construídos pola Xunta de Galicia; 331 serán levantados por cooperativas e promotores e 195 corresponden ás permutas de solo.

Cómpre lembrar que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) xa licitou en xaneiro a redacción do proxecto e a dirección de obra das primeiras 79 vivendas de promoción pública, e ten prevista a licitación das restantes 128 no vindeiro mes de abril. En total, o investimento total estimado das 207 VPP é de 28,5 millóns de euros.

Así mesmo, a Xunta ten preparada a convocatoria do concurso para a adxudicación das parcelas dispoñibles no polígono 1, un total de 98, cunha superficie total de 22.584 m2, e que permitirán a construción de 331 vivendas.

No concurso terán preferencia aqueles proxectos de inmobles destinados ao alugamento social con solo adxudicado en dereito de superficie. De feito, de ser así, as cooperativas e os promotores poderán acceder ás axudas de fondos europeos que convocará proximamente a Xunta de Galicia: 700 €/m2, ata un máximo de 50.000 € por vivenda.

Non obstante, cómpre lembrar que as obras de urbanización e as de construción de vivenda non se poderán adxudicar, así como tampouco convocar o concurso de solo, ata a aprobación do proxecto de urbanización do polígono 1 por parte do Concello de Vigo, a quen lle foi presentado hai case un ano, en abril de 2021, pouco antes de que lle foran remitidos tamén os documentos das dúas fases restantes.

Dilatación dos trámites e incremento do importe de licitación

Desde entón, o Concello realizou multitude de requirimentos que foron dilatando o tempo de tramitación para a súa aprobación e, nalgúns casos, mesmo incluíron cambios de criterio sobre outros anteriores ou a inclusión de elementos que non foran requiridos con anterioridade.

En menos dun ano, a Xunta tivo que responder ata tres veces aos sucesivos informes e observacións recibidos por parte de diferentes departamentos municipais e das empresas subministradoras de servizos, sen que o Concello fose capaz de emitir un único documento con todos os seus requirimentos aos tres proxectos de Navia.

De feito, o IGVS reuniuse dúas veces o pasado mes de xaneiro con técnicos municipais e doutros organismos para concretar os informes pendentes, resolver algunhas dúbidas e desbloquear cuestións puntuais expostas por Aqualia con relación ao abastecemento.

Neste sentido, e para adaptarse á preferencia manifestada polo Concello, a Xunta aceptou durante a última destas reunións cambiar a rede de abastecemento de polietileno a fundición, un xesto de boa vontade, co fin de desbloquear o proxecto, a pesar de que o propio representante de Aqualia recoñeceu que non podían exixir a execución da rede en fundición.

Algo parecido ocorreu coa capa de rodadura das vías, outro asunto no cal o IGVS aceptou ceder e adaptarse ás preferencias manifestadas a posteriori polo Concello, que pediu incrementar o espesor desta por riba do que exixe a normativa.

Estes dous cambios solicitados polo Goberno local, máis aló das exixencias legalmente establecidas, non só contribuíron a dilatar a propia tramitación, obrigando os redactores a facer novos cálculos e adaptar os tres proxectos orixinais a eles, senón que tamén carrexan un aumento dos custos previstos.
De feito, só modificar o material de toda a rede de abastecemento dos tres polígonos e o aumento da capa de rodadura supuxo para a Xunta ter que incrementar en case 1,9 millóns de euros o prezo base de licitación da urbanización de Navia. Un incremento que, sumado ao dos prezos dos materiais de construción, foi en total de 2,4 millóns de euros.

Así, cando o prezo base da urbanización de todo o ámbito era en abril de 2021 de 24,6 millóns de euros, agora xa ascende a 27 millóns de euros, case un 10% máis.

O ámbito da ampliación de San Paio de Navia abrangue unha superficie de 265.000 m2 e nel prevese un investimento público-privado de 250 millóns de euros co fin de habilitar un total de 1.600 novas vivendas protexidas.