O CONCELLO PROHIBE A REPRESENTACIÓN DA DELEGADA DA XUNTA EN VIGO, MARTA FERNÁNDEZ-TAPIAS, NO ACTO PÚBLICO DE PRESENTACIÓN DO TORNEO INTERNACIONAL FEMININO DE TENIS

O Goberno local de Abel Caballero deu indicacións expresas á Federación Galega de Tenis para impedir que a representante autonómica acudise á rolda de prensa convocada para anunciar a proba deportiva

O Concello de Vigo vetou este xoves a presenza da delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, na presentación do Torneo Internacional de Tenis Feminino que está previsto celebrarse nos xardíns do Pazo Quiñones de León, en Castrelos.

O Goberno local de Abel Caballero vetou a participación da responsable autonómica a través da entidade convocante, a Federación Galega de Tenis, que se dirixiu á Xunta para informarlle de que recibira indicacións expresas do Concello  de Vigo para prohibir a asistencia de Marta Fernández-Tapias.

No seu intento de impedir a súa presenza e segundo a comunicación recibida na Delegación da Xunta en Vigo, o Goberno  municipal sinala a través do ente federativo que a invitación ía dirixida “en exclusiva” ao secretario xeral para o Deporte Galego o un conselleiro.

A Xunta quere denunciar a falta de respecto institucional por parte do alcalde de Vigo, Abel Caballero, ao prohibir a asistencia da representante do Goberno autonómico na cidade e lamenta que feitos similares se produzan de forma reiterada durante os actos públicos que se celebran a diario na cidade.