O Colexio de Arquitectos colaborará coa Xunta no 20 aniversario do Consorcio Casco Vello de Vigo
A delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, mantivo este luns unha xuntanza coa directiva do COAG
Os responsables do Colexio de Arquitectos ofreceron a súa colaboración ao Goberno galego para participar nos actos do aniversario
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo e prepresidenta do Consorcio Casco Vello (CCVV), Ana Ortiz, mantivo este luns unha reunión coa directiva do Colexio de Arquitectos de Galicia en Vigo (COAG) na súa sede da rúa Doutor Cadaval. No encontro estiveron presentes o presidente da delegación viguesa, Manuel Martínez Carazo, así como a tesoreira, Sonia María Alvarado, e a secretaria, Ana Pena.
Durante a xuntanza, o equipo directivo do COAG ofreceu á presidenta a súa colaboración para participar nos actos do 20 aniversario do CCVV que se celebrarán o vindeiro ano 2025. Ademais, o presidente trasladou a Ana Ortiz as felicitacións polo traballo de recuperación que está a levar a cabo a Xunta no Casco Vello da cidade e ofreceu calquera tipo de colaboración técnica que precise o Goberno galego para continuar na rehabilitación do barrio histórico.
O Colexio de Arquitectos de Galicia xa distinguiu varias edificacións construídas no casco histórico vigués, como as rehabilitacións de Subida a Castelo e O Berbés. Nos premios COAG de 2022 tamén foi premiada a reforma da Cidade da Xustiza de Vigo levada a cabo polo arquitecto Alfonso Penela.
Desde o seu nacemento no ano 2020, o Consorcio Casco Vello de Vigo rehabilitou un total de 130 vivendas nos 89 inmobles que foron adquiridos. As últimas en saír a sorteo foron as de Elduayen 31 e Subida á Costa 9 a semana pasada. En 2025 o CCVV avanzará coas obras de rehabilitación dos edificios da rúa Elduayen 39-Ferrería 16 (cinco vivendas de protección autonómica e un local comercial), da rúa Hortas 2-4-San Sebastián 20 (dúas vivendas) e do inmoble da Ribeira do Berbés 39-San Francisco 2 (dúas vivendas).
Outras cinco vivendas chegarán coa rehabilitación prevista o ano que ven no inmoble da rúa Alta 8-14. Ortiz tamén lembrou que ao longo de 2025 está previsto que se desenvolva o proceso de licitación dos proxectos e obtención de autorizacións administrativas para a rehabilitación doutros dous inmobles que se atopan no histórico barrio do Berbés (números 7 e 27).