O Biobanco con sede no Hospital Álvaro Cunqueiro alcanza os máximo estándares de calidade

Recibe a certificación ISO 9001 para o rexistro, procesamento, almacenamento e cesión de mostras de orixe humana con fins diagnósticos e de investigación
O organismo dispón de máis de 50.500 mostras distribuídas entre os bancos de Cerebros e de Tumores, a  Cohorte Covid-19 e catro coleccións máis
Son 110 os proxectos de investigación nacionais e internacionais que utilizan mostras cedidas polo Biobanco

O Biobanco  IIS Galicia Sur vén de conseguir un dos máximos estándares de calidade ao obter a certificación  ISO 9001, unha vez superado o proceso de auditorías. A certificación de calidade, segundo figura no documento oficial, realízase para “o rexistro, procesamento, almacenamento e cesión de mostras biolóxicas de orixe humana con fins diagnósticos ou de investigación biomédica”.

O acto protocolario de entrega do certificado produciuse hoxe. O xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, recibiu o documento coa acreditación de mans do director da Rexión Atlántica de AENOR, Martín Pita. No mesmo estiveron presentes o director científico do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, José Ramón Fernández Lorenzo; a directora da Fundación Biomédica Galicia Sur, Beatriz Gil de Araújo; a directora do  Biobanco IIS Galicia Sur, Susana Teijeira;  o persoal técnico do Biobanco; e o director da Sede Galicia da empresa  certificadora, José Enrique Rodríguez.

Javier Puente agradeceu “o excelente traballo do persoal do Biobanco e do IISGS, polo esforzo e a dedicación amosada en todos estes anos, para poñer ao Biobanco nun excelente nivel de calidade”.

O  Biobanco IIS Galicia Sur, que ten a súa sede no Hospital Álvaro Cunqueiro, foi autorizado no ano 2013 pola Consellería de  Sanidade, aínda que as coleccións máis antigas creáronse en 2002. Dispón de máis 50.500 mostras distribuídas en bancos e coleccións. O Banco de Tecidos Neurolóxicos aglutina ao Banco de Cerebros (só hai 15 en España), con máis de 200, e a colección de músculo, nervio e pel. Precisamente, o Álvaro Cunqueiro é referencia para Galicia en Neuropatoloxía.

Pola súa banda o Banco de Tumores dispón de máis de 17.000 mostras. O resto das coleccións do Biobanco son as de mostras de Esclerose Múltiple (2.263), de  Xestantes (486) e de pacientes de cancro tratados con inmunoterapia (194) que se utilizan nestes momentos para investigacións punteiras a nivel nacional e internacional.

No último ano engadíronse as mostras da  Cohorte Covid-19 (15.035), dentro dun proxecto de investigación aprobado e financiado polo Instituto da Saúde Carlos III. “Traballamos agora na próxima incorporación de dúas novas coleccións de mostras”, sinalou a directora do  Biobanco, Susana Teijeira.

Actividade investigadora

Sen dúbida a actividade principal do Biobanco IIS Galicia Sur, é a atención ás solicitudes de distintos tipos de mostras para investigación. As investigacións atendidas ascenden a 110, das que o 68% son proxectos externos e o resto, 32% son do propio centro.

Os servizos que ofrece hoxe en día o Biobanco crecen de forma exponencial. Entre eles destacan o procesamento, conservación e custodia das mostras biolóxicas das diferentes coleccións; a cesión das mesmas, e da súa información clínica asociada, a centros tanto nacionais como internacionais para investigacións biomédicas; e asesoramento ético e legal sobre conservación e uso desas mostras.

Entre os recursos do Biobanco IIS Galicia Sur destacan 7 ultraconxeladores, 2 armarios de bioseguridade, 2 cabinas de bioseguridade e tecnoloxía de micro Arrays, entre outros, que se obtivo a través de diferentes proxectos e axudas obtidos en convocatorias competitivas. Para o correcto funcionamento, o Biobanco conta cun sistema de Xestión de Información específico e con sistemas de alarmas de temperatura.