O ARTISTA GILBERTO SANTA ROSA, NOMEADO AOS PREMIOS GRAMMY 2026, ACTUARÁ NO AUDITORIO MAR DE VIGO DENTRO DA PROGRAMACIÓN DOS CONCERTOS DO XACOBEO
A delegada da Xunta, Ana Ortiz, presentou este xoves a actuación do portorriqueño o vindeiro 18 de decembro na cidade
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, presentou este xoves no Auditorio Mar de Vigo o concerto que ofrecerá o vindeiro 18 de decembro o artista portorriqueño Gilberto Santa Rosa dentro da programación musical que apoia o Goberno galego a través de ‘Concertos do Xacobeo’, a marca coa que pretende unificar a programación de música, espectáculos e ocio co obxectivo de convertela en atractivo turístico.
Na presentación xunto a Ignacio Cameron, director de PrimerBeat Producción, a representante autonómica explicou que xa están as derradeiras entradas á venda. Ortiz destacou que a Xunta apoia desta forma iniciativas que “sexan quen de atraer distintos tipos de público e que poidan converterse en efecto tractor para o turismo e reforzar a imaxe de Galicia nacional e internacionalmente”.
O artista portorriqueño, recoñecido mundialmente como “El Caballero de la Salsa” e recentemente nomeado ao Grammy 2026 polo seu álbum Debut y Segunda Tanda, vol. 2, traerá ao Auditorio Mar de Vigo o seu espectáculo Navidades, unha proposta que combina a forza da salsa coa elegancia e a emoción que marcaron toda a súa carreira.
A cita do 18 de decembro en Vigo forma parte dunha serie de concertos especiais coa que o artista celebra as festas acompañado pola súa orquestra habitual e unha posta en escena coidada ao detalle. O artista chega a esta cita nun momento especialmente significativo, tras ser nomeado ao Grammy 2026 polo seu álbum Debut y Segunda Tanda, vol. 2, recoñecido como un dos traballos máis destacados do xénero tropical latino este ano. Un recoñecemento que subliña a súa vixencia creativa e o papel central que continúa a desempeñar dentro da música latina.
