O Álvaro Cunqueiro avanza nos ensaios clínicos frente á COVID19
As investigacións na busca de opcións terapéuticas, o estudo internacional VIR e o de Plasma Hiperinmune, inician esta semana novas fases dos seus protocolos
O obxectivo é estudar se estas terapias administradas precozmente aos pacientes de maior risco son eficaces para evitar o ingreso hospitalario
Ademais, o Cunqueiro ven de ser oficializado como “Centro aberto” para o ensaio do primeiro antiviral español,denominado Alplidina, dirixido a pacientes xa hospitalizados
Esta semana, o Hospital Álvaro Cunqueiro dálle un pulo aos tres principais ensaios clínicos que estanse desenvolvendo na busca de opcións terapéuticas fronte a Covid19.
Así, dous deses estudos, que teñen como finalidade o tratamento precoz de pacientes diagnosticados de Covid19 -o plasma hiperinmune e o proxecto internacional VIR-7831, entraron hoxe en novas fases do seus protocolos.
Estes proxectos van dirixidos a enfermos que se atopan en fase inicial da infección, con síntomas leves pero con risco de progresión a unha enfermidade grave. Trátase de comprobar se estas terapias, administradas precozmente, evitan o risco de agravamento da enfermidade é a necesidade de hospitalización.
Fase C da Terapia VIR
Neste senso, o proxecto internacional da Terapia Vir-7831 entra na Fase C. Trátase da administración dun anticorpo monoclonal con capacidade de bloquear a entrada do virus nas células. O Álvaro Cunqueiro foi o hospital europeo que máis pacientes aportou na Fase B deste ensaio.
A responsable do Grupo de Investigación en Enfermidades Infecciosas do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, María Teresa Pérez, explica que “aínda que non hai resultados definitivos, os estudos previos indican que reduce nun 80% os riscos de hospitalización e de mortalidade. Os 10 pacientes aos que lle administramos o fármaco, por vía intravenosa ou cunha inxección, presentaron unha evolución excelente e non requiriron de ingreso hospitalario”.
O obxectivo desta nova fase do estudo, que se inicia hoxe mesmo nun paciente, é reducir as doses de tratamento. “Creemos que unha doses mais baixa resultará igual de eficaz. Isto permitiría tratar a un maior número de enfermos, ao necesitar menos doses por paciente” .
Inclusión dos vacinados no ensaio do Plasma Hiperinmune
En relación co estudo do Plasma hiperinmune, tratamento con plasma de doadores que xa pasaron a enfermidade, esta semana reanudan o recrutamento de pacientes cun novo protocolo, no que tamén se inclúen aos pacientes xa vacinados. Segundo explica a doutora Pérez “ata agora o feito de estar vacinado era un criterio de exclusión deste proxecto, pero decidimos incluílo para valorar mellor a eficacia e seguridade desta terapia”.
Ata agora, nestudo galego, coordinado polo Álvaro Cunqueiro, levan participado 20 pacientes. Ningún dos pacientes que recibiron plasma presentou evolución a enfermidade grave porla COVID19, nin complicacións relacionadas coa medicación.
“Centro aberto” para o antiviral español
Ademais, o Cunqueiro ven de ser oficializado como “Centro aberto” para o ensaio do primeiro antiviral español, denominado Alplidina, do laboratorio de orixe galego PharmaMar.
O Hospital participará con cinco pacientes. A selección deles segue uns criterios de inclusión moi estritos e concretos, xa que é un fármaco dirixido a enfermos ingresados, con necesidade de oxíxeno, e poucos días de evolución.
Trátase de comprobar que ao administrar o tratamento nesa fase, a infección non progresa cara a un empeoramento respiratorio que requira ingreso nas Unidades de Coidados intensivos, con intubación ou ventilación especial
“A realidade é que día de hoxe non existen tratamentos para facer fronte ao Covid19 que haxan demostrado a súa eficacia polo que temos moitas expectativas con estas novas terapias. Estamo seguros que en pouco tempo disporemos de máis opcións terapéuticas para os pacientes con Covid 19 “, asegura a investigadora principal destes proxectos.