Novas medidas aprobadas polo comité clínico
En vista da constancia na mellora da situación epidemiolóxica de Galicia, que se sitúa xa case por debaixo dunha incidencia acumulada de 50 a 14 días, o comité clínico segue avanzando no proceso de desescalada das actividades públicas en Galicia.
Unha vez aclarado co Ministerio de Sanidade o feito de que poidan seguir sendo as comunidades autónomas as que adopten, baixo os criterios científicos que tiñan establecidos, as medidas de desescalada, a Xunta, co consello do comité clínico decidiu dar máis pasos no sector da hostalería: aumentando ata 15 os grupos que poden estar en mesas en exteriores e igualar os horarios dos bares cos do demais establecementos de restauración, co peche á 1 da madrugada.
Respecto ao ocio nocturno, e pendentes da decisión final que o Consello Interterritorial tome sobre as condicións da apertura, a Xunta continúa coa súa planificación prudente: esta fin de semana realizará unha proba piloto en varios locais para avaliar os resultados e, en función deles, definir uns criterios dunha apertura que se estima que, de seguir estable a situación epidemiolóxica, podería producirse a partir do 1 de xullo.
Tomáronse dúas decisións tamén relacionadas con actividades especialmente importantes no verán: as ampliacións de aforos e grupos nas actividades de ocio xuvenil como os campamentos e a autorización para superar os aforos máximos nos albergues de peregrinos no caso de grupos que se acrediten como «grupos burbulla».
Finalmente, e como consecuencia da recente xurisprudencia do Tribunal Supremo, decaerán as limitacións obrigatorias de grupos de 6 e 10 persoas en vivendas ou espazos públicos, agás as actividades reguladas. Esta limitación dos grupos pasará a ser unha recomendación que a Xunta e o comité clínico consideran fundamental cumprir para poder seguir avanzando con cautela na redución da incidencia do virus.
En relación coas restricións a nivel municipal, xa só cinco concellos (Mos, Oroso, Soutomaior, Viveiro e Xove) se atopan nun nivel de restricións (o medio) superior ao básico que rexe para toda Galicia. En consecuencia con esta homologación da situación epidemiolóxica de Galicia, a Xunta e o comité clínico emprenderán agora unha revisión completa da regulación de todas as actividades reguladas para adaptar as súas restricións á actual situación.