Máis de 57.000 persoas da Área Sanitaria de Vigo participaron no programa galego de detección precoz do cancro colorrectal

0 7,4% deron positivo, e tras colonoscopia detectáronse 237 tumores malignos e 1.797 adenomas, lesións precursoras do cancro colorrectal
No Día Mundial do Cancro Colorrectal os profesionais lembran a importancia da prevención mediante os programas de cribado
A detección precoz pode diminuír a mortalidade por esta enfermidade nun 35%

Os profesionais do servizo de Dixestivo da Área Sanitaria de Vigo súmanse á conmemoración do Día Internacional do Cancro Colorrectal e lembran a importancia da prevención do mesmo mediante os programas de cribado.

Na Área de Vigo, no ano 2017 púxose en marcha do Programa galego de detección precoz do cancro colorrectal, iniciativa  dirixida a homes e mulleres de 50 a 69 anos co obxectivo de detectar precozmente esta enfermidade. Desde o inicio deste Programa e ata decembro de 2019, enviáronse un total de 157.438 invitacións e participaron 57.200 persoas (un 36,9% das invitadas). Destas, resultaron positivas un 7.4%.

A metade das colonoscopias diagnosticaron lesións

No marco deste Programa a este grupo de positivos realizóuselles unha colonoscopia para diagnosticar algún tipo de lesión. Como resultado das mesmas identificáronse 237 tumores malignos, todos en persoas sen ningún tipo de síntomas. O 71% destes cánceres estaban en estadios precoces nos que o seu prognóstico é significativamente mellor (cunha supervivencia superior ao 75%) .

Ademais dos cancros, nun 45,5 dos pacientes se identificaron pólipos adenomatosos (lesións precursoras do cancro colorrectal). A súa extirpación ten impedido a progresión a procesos máis graves.

Segundo asegura o xefe do servizo do Aparello Dixestivo, Ignacio Rodriguez Prada, “A maioría dos cánceres de colon xorden dos chamados pólipos adenomatosos polo que a súa detección e extirpación é clave para que non cheguen a transformarse nun tumor maligno. A conclusión é evidente, a participación neste programa permite diagnosticar lesións precancerosas así como detectar precozmente os tumores, nunha fase na que o nivel de curación é elevado. Por eso é tan importante concienciar á poboación de que deben participar nestes cribados”.

Aínda que por mor da pandemia houbo que aprazar as citas do cribado durante uns meses, en canto se recuperou a actividade o Sergas retomou as citas de precolonoscopias e colonoscopias pendentes e no momento actual o Programa estase desenvolvendo ao 100%.

Funcionamento do programa

A proba de cribado consiste na detección de sangue oculto nas feces. A poboación diana, homes e mulleres de 50 a 69 anos, recibe no seu domicilio un folleto onde se lle explica o programa, unha carta cunha invitación a participar e unha tarxeta de aceptación con franqueo pagado. Para aceptar a participación, o usuario pode devolver a tarxeta depositándoa en calquera caixa de correos ou aceptar de forma telemática, seguindo as instrucións que se lle aportan na propia carta. Seguidamente se lle envía ao seu domicilio o material necesario para a toma da mostra e as instrucións para recollela.

Unha vez recollida, o participante deposítaa no seu centro de saúde dende onde se remitirá ao laboratorio do hospital de referencia para a súa análise. As persoas con resultado negativo recibirán unha carta con este resultado de normalidade e se lles volverá a invitar no prazo de dous anos. As persoas con resultado positivo no test son citadas na consulta do seu médico de atención primaria para explicarlles o significado e a necesidade de realizar unha colonoscopia para descartar ou confirmar a presenza de lesións.

A colonoscopia de cribado ten un carácter diagnóstico e terapéutico, xa que permite visualizar e extirpar todas as lesións detectadas. Unha vez realizada e extirpadas -no seu caso- as lesións suxestivas de malignidade, estas son analizadas no laboratorio de Anatomía Patolóxica e o programa de cribado realiza unha avaliación de risco de todos os pacientes, clasifícaos de acordo a este risco e establece o seguimento adecuado para cada paciente.