Luisa Sánchez ratifica o compromiso da Deputación de Pontevedra con Vigo cun investimento que alcanza os 26 millóns de euros, máis o custe do proxecto do Cine Fraga
A vicepresidenta fixo hoxe balance do primeiro ano de mandato na institución provincial, destacando os 13 M€ reservados para a construción da Grada de Gol en Balaídos, os 5,5M€ para financiar proxectos na cidade e o rescate de 7,8M€ do convenio do bipartito
Cifrou en 12,46 M€ os fondos destinados neste 2024 aos 13 concellos da área de influencia no marco do programa +Provincia; e en 1,2 M€ a partida correspondente ao Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas na comarca viguesa
A vicepresidencia de Vigo contabilizou nos últimos doce meses máis de 434 actos e reunións públicas; mentres que a sede viguesa da Deputación acolleu 93 actividades
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra e responsable das áreas de Deportes e Economía e Impulso do Emprego, Luisa Sánchez, fixo hoxe balance do primeiro ano de mandato na institución provincial, destacando os 13 millóns de euros reservados para a construción da Grada de Gol en Balaídos, os 5,5 millóns de euros para financiar proxectos na cidade ou o rescate de 7,8 millóns de euros do convenio asinado polo bipartito co Concello vigués.
Estas cifras, segundo anotou a responsable provincial, disparan ata os 26 millóns de euros o compromiso da Deputación coa cidade de Vigo neste 2024, ao marxe do custe do proxecto de recuperación e posta a disposición dos vigueses do Cine Fraga, que sufragarán a partes iguais Xunta e Goberno provincial. Neste sentido, Sánchez ratificou a aposta da institución pontevedresa por garantir un investimento de récord na cidade: “Todas as nosas accións demostran que Vigo é unha prioridade na nosa acción de goberno e un eixo central sobre o que pivotan as nosas políticas públicas, comprometendo o nivel de investimento máis alto da historia da institución na cidade”, incidiu a vicepresidenta.
Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, celebrada na sede viguesa de Eduardo Chao, Sánchez exemplificou en Balaídos o grado de implicación da Deputación coa cidade. “Cumprimos a nosa palabra de apoiar a Vigo, ao Celta e ao celtismo para completar a construción dun estadio digno dun equipo de primeira división para que poida xogar os vindeiros 100 anos, e fixémolo en sintonía co resto de actores implicados”, sinalou, para referirse á cantidade de 13 millóns de euros que a Deputación destina á finalización do estadio municipal.
En segundo termo, a vicepresidenta mencionou os 5,5 millóns de euros que se reservan nos orzamentos provinciais para financiar proxectos na cidade, aos que sumou os 7,8 millóns de euros que se rescatarán do convenio 21-23 firmado polo bipartito anterior para seguir actuando en Vigo. A este respecto, aclarou que a baixa execución orzamentaria do Concello vigués a data de hoxe en varios dos proxectos pendentes, condiciona o cumprimento dos prazos e, en consecuencia, pon en risco as inversións provinciais. De maneira que, anunciou, “estase a traballar nunha solución excepcional ao acordo bilateral que está a piques de perder a súa vixencia para evitar que Vigo perda estes fondos”.
Xa por último, Sánchez referiuse ao Cine Fraga como o proxecto máis ambicioso desta lexislatura polo que supón a recuperación deste emblema cultural para a cidade de Vigo. Un importante esforzo inversor do que, avanzou, pronto se coñecerán máis detalles. Unha vez completada a adquisición, ao 50% entre a Deputación e a Xunta, procederase a completar a restauración e á creación dun plan de usos.
+Provincia na área de Vigo
En calquera caso, a vicepresidenta sinalou que o incremento do nivel de investimento en Vigo non significa a desatención por parte da institución provincial do resto de concellos. Así, cifrou en 12,46 millóns de euros os fondos destinados aos municipios da área de Vigo no marco do programa +Provincia, cun incremento dun millón de euros respecto a 2023. Desta contía, 8,72 millóns de euros correspóndense con investimentos; 1,03 millóns con gasto corrente; 2,3 millóns de euros co fomento do emprego e 311.000 euros con proxectos transformadores relacionados coa mobilidade.
Un apoio aos concellos pontevedreses que se complementa cos 4 millóns de euros destinados ao Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que reparte entre os municipios da área territorial de Vigo 1,2 millóns de euros. Iniciativa que, en palabras da propia vicepresidenta, responde a unha demanda dos alcaldes da provincia cun elevado interese nesta convocatoria.
Deportes: Área estratéxica do Goberno provincial
Sánchez puxo tamén en valor un investimento histórico para o Deporte na provincia con 5,5 millóns de euros, un 20% máis que no 2023. Destacou así os 275.000 euros en axudas a deportistas de alto nivel (179 na provincia e 79 en Vigo e a súa área influencia) e para novos talentos (96 na provincia e 73 en Vigo e a súa área de influencia); ou as partidas destinadas aos deportistas olímpicos e paraolímpicos que medran un 25% respecto á cita de Tokio (125.000 euros).
Así mesmo, mencionou os 300.000 euros das escolas deportivas; os 785.000 euros que reciben os equipos de elite; os 900.000 para os equipos que compiten no ámbito estatal e que benefician a 50 clubs da área de Vigo, os 650.000 que se reparten entre os de ámbito inferior ao estatal, con 200 clubs beneficiados no caso da área, e os 500.000 euros en axudas específicas para o ámbito náutico (piragüismo, remo e vela).
“A aposta da Deputación polo deporte vai máis alá de modernizar as infraestruturas deportivas ou convocar liñas de axudas, e atende tamén ao interese de que Pontevedra sexa foco de atracción de grandes eventos deportivos”, afirmou a vicepresidenta, para citar como exemplos o partido sa Selección Española Feminina de Balonmán que se disputou en Porriño, a etapa da Volta Ciclista con saída en Ponteareas e chegada en Baiona ou o partido da selección de fútbol a Irmandiña contra Panamá celebrado en Balaídos. Segundo dixo, as axudas para a organización de torneos e competicións deportivas incrementáronse un 67% e 75 clubs da área metropolitana (40 de Vigo) optan a elas. Ademais, neste 2024 impulsouse unha nova orde de subvencións para a organización de eventos deportivos de interese turístico cuxo prazo de presentación remata mañá, tal e como recordou.
Economía e Impulso ao Emprego
No que atinxe a outras das áreas baixo a súa responsabilidade, a de Economía e Impulso ao Emprego, a vicepresidenta fixo referencia aos programas que reciben apoio da Deputación para o fomento da cultura do emprendemento, a formación, a dixitalización ou o acceso ao autoemprego ou o primeiro emprego, deseñados para adaptarse a cada ciclo vital. Citou así o DepoEmprende, no que participaron 600 alumnos da provincia que puideron experimentar coa creación de cooperativas, venta e comercialización de produtos; o Erasmus+, cun investimento de 810.000 euros, no que 116 alumnos de FP (50 de Vigo e área) puideron formarse no estranxeiro; o programa SmartPeme, que contabiliza máis de 3.700 asesoramentos (924 a 131 empresas da área de Vigo) e 185 obradoiros (23 na áreas de Vigo); ou o programa Da Túa Man (rural I e II) ampliado a 11 concellos novos cun orzamento comprometido de case 1 millón de euros.
Mención aparte fixo para referirse ao programa Primeira Experiencia Profesional, que favoreceu a incorporación ao mercado laboral de 66 mozos tras un investimento de 500.000 euros. Segundo anunciou, este programa reforzarase de cara as vindeiras convocatorias cun novo plan que alcanzará as 228 prazas e que superará o millón de euros. A responsable provincial indicou ademais que se seguirá afondando no ámbito da formación para o emprego destinando 3 millóns de euros procedentes do Fondo Social Europeo.
Intensa actividade cultural
Por outra banda, a vicepresidenta fixo fincapé en que a presenza da Deputación é permanente en todos os ámbitos cun apoio sen precedentes ás asociacións veciñais e culturais da provincia. No caso concreto de Vigo, sinalou á “fortaleza” do seu tecido asociativo cunha colaboración destacada da institución provincial en todas e cada unha das parroquias.
Atendendo solo a 2024, 400 eventos culturais celebrados en Vigo contaron co apoio da Deputación. É o caso da Festa da Alegría (Calvario), Festa da Cereixa (Beade), o Festival de Teatro de Matamá, o San Xoán de Teis, a Brincadeira (Bouzas), as festas patronais de Cabral, as actividades con motivo do Cristo da Victoria ou os concertos de Teis, Zamáns, Castrelos ou Sárdoma. Cantidade que se eleva aos 1.000 actos, de pequeno e grande formato, ao engadir os celebrados na área de influencia.
Asemade, Sánchez salientou que por primeira vez en moitos anos as asociacións veciñais volven ao centro da acción do goberno provincial coas axudas de acción comunitaria, ás que concorreron 18 entidades veciñais e comunidades de augas de Vigo solicitando axudas por valor de 170.000 euros para melloras nas súas instalacións ou adquisición de equipamento.
Máis de 434 actos e reunións públicas
No resumo destes doce meses, Sánchez cifrou en 434 os actos nos que tivo representación a vicepresidencia de Vigo, atendendo ás convocatorias das federacións deportivas e dos clubs, ás asociacións sociais e culturais ou ás entidades do tecido económico e produtivo da provincia e nomeadamente de Vigo. Parte destes eventos, tal e como indicou a representante provincial, tiveron lugar na sede viguesa da Deputación, que no último ano tivo programación nas súas salas durante 240 días a través de 93 actividades diferentes.