Luisa Sánchez ratifica a “plena disposición” da Deputación a financiar os investimentos precisos para que Vigo sexa sede do Mundial e insta a atopar vías de colaboración

A vicepresidenta provincial remite unha carta ao alcalde vigués na que reafirma o seu convencemento de que o reto de acoller a Copa do Mundo “merece o compromiso de todas as administracións públicas, no marco administrativo que resulte procedente”
A representante provincial recorda que o Concello comezou as obras de traslado dos colectores de Balaídos sen remitir unha proposta de convenio e sen enviar o proxecto

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, reafirmou este xoves a “plena disposición” da institución provincial a participar nos investimentos precisos para que Vigo sexa sede do Mundial 2030 e instou ao Concello a atopar vías de colaboración para facer posible o cofinanciamento das obras necesarias.

En declaracións aos medios canda as obras que veñen de comezar para trasladar os colectores de saneamento de Balaídos, a representante provincial en Vigo informou de que nas últimas horas remitiu unha carta ao alcalde da cidade, Abel Caballero, na que ratifica a súa “convicción” de que un “reto” como a designación como sede dun Mundial “merece a colaboración e o compromiso de todas as administracións públicas, sempre dentro do marco legal e administrativo que resulte procedente”.

Porén, a representante provincial explicou que as indicacións dos servizos técnicos da Deputación cuestionan a participación económica desta institución no caso das obras de traslado dos colectores de Balaídos se estas son executadas pola concesionaria municipal Aqualia con cargo ao seu propio plan de investimentos. Segundo sinalan, esta fórmula suporía un dobre financiamento sobre unha mesma actuación, xa que os investimentos da empresa son sufragados pola cidadanía a través do recibo da auga.

Ante esta situación, Luisa Sánchez animou ao Concello de Vigo a procurar unha vía de colaboración que permita articular a participación financeira da Deputación con todas as garantías xurídicas e administrativas.

Adicionalmente, a vicepresidenta lembrou que o goberno local segue sen remitir ao organismo provincial o proxecto das obras de traslado dos colectores, solicitado xa no pasado mes de novembro. Do mesmo xeito, recordou ao alcalde que non remitiu ningunha proposta formal de colaboración que posibilite estudar e canalizar a cooperación económica entre ambas administracións.

Por último, Luisa Sánchez insistiu en que a vontade da Deputación de Pontevedra é contribuír ao éxito da candidatura viguesa ao Mundial, como así amosa o investimento provincial de 26 millóns de euros destinado á reforma do estadio municipal de Balaídos, unha actuación fundamental para que a cidade poida optar a acoller partidos da Copa do Mundo.