Luisa Sánchez participa no acto de clausura dun proxecto de defensa persoal de Érguete-Integración

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, clausurou hoxe o Proxecto DANA, desenvolvido pola Fundación Érguete-Integración e subvencionado con máis de 4.300 € pola Deputación no marco da convocatoria de subvencións dirixidas ás entidades sen fins de lucro para o fomento da igualdade de oportunidades e a loita contra a violencia de xénero. Un proxecto que naceu no ano 2020 para dotar ás mulleres de ferramentas para a súa defensa persoal pero que, como lembrou a vicepresidenta, “non é unha clase de defensa persoal ao uso, xa que tamén traballades aspectos como a autonomía ou o autocoidado, fomentando o compromiso con vós mesmas e demostrando que sodes máis fortes do que vos fan crer”.

Luisa Sánchez aproveitou a ocasión para felicitar a Érguete-Integración “polo enorme trabalo que facedes, con 25 anos ás vosas costas, de loita e compromiso coas persoas que están en situación ou risco de exclusión social” e lembrou que para a Deputación “é imprescindible prestar soporte a entidades que, como a vosa, prestan á súa vez un servizo fundamental para construír a sociedade que queremos: inclusiva, solidaria e mellor”.