Luisa Sánchez anima a cidadanía a participar na II Andaina do Maúxo organizada pola Asociación Española Contra o Cancro en Vigo

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este martes na Alameda de Vigo na presentación da II Andaina do Maúxo, que organiza a Asociación Española Contra o Cancro en Vigo o próximo 16 de xuño co patrocinio da institución provincial. A vicepresidenta asegurou que “a cidadanía de Vigo e da provincia non só demostrará que está en gran forma, senón especialmente que somos un pobo cunha gran concienciación e implicación social e moi solidario”.

Luisa Sánchez agradeceu o traballo da asociación “para sensibilizar a poboación sobre a importancia de apoiar os enfermos de cancro e as súas familias, que tamén sofren moito no seu labor de acompañamento e de coidado”, e tamén por “poñer o acento na necesidade de seguir investigando para poder plantarlle cara a esta enfermidade que tanto dano causa”. A recadación da andaina destinarase a financiar investigacións científicas, co obxectivo de achegarse ao reto de acadar un 70% de supervivencia para 2030. Por iso, a vicepresidenta fixo un chamamento á sociedade, “non podedes fallar”, para que colabore de xeito presencial ou cos dorsais solidarios sen participación.