LUIS LÓPEZ REFERENDA O COMPROMISO COA UNIVERSIDADE DE VIGO E ANUNCIA UN INVESTIMENTO DE 165.000 EUROS PARA IMPULSAR PROXECTOS CONXUNTOS NO 2024

Trátanse de 80.000 € para a financiación de iniciativas investigadoras, 55.000 € para o impulso da especialización do campus CREA e outros 30.000 € para proxectos conxuntos entre a universidade e a empresa

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acaba de anunciar un investimento de 165.000 euros para impulsar proxectos conxuntos coa Universidade de Vigo neste 2024. En liñas xerais, tal e como comunicou o presidente provincial por carta remitida esta mesma mañá ao reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, logo da reunión mantida a semana pasada no Pazo provincial da Deputación, trátanse de 80.000 € para a financiación de iniciativas investigadoras, 55.000 € para o impulso do campus CREA e outros 30.000 € para proxectos conxuntos entre a universidade e a empresa.

Por unha banda, tal  e como detallou López, o goberno provincial destinará 80.000 euros á financiación de dez iniciativas investigadoras, que se distribuirán en 7.900 € para cada un dos proxectos de investigación máis outros 1.000 € para a publicación dos seus resultados. No que respecta á especialización do campus CREA destinaranse 55.000 € a través dos cales se contribuirá a organizar o I Congreso Internacional CREA (20.000 €) e a semana da creatividade (15.000 €), así como se potenciará o seu programa de doutoramento (10.000 €) e a liña de axudas predoutorais para desenvolver investigacións vinculadas á especialización de CREA e do seu programa de doutoramento (10.000 €).

Finalmente, o presidente da Deputación tamén anunciou outros 30.000 euros para a financiación de cinco propostas de proxectos conxuntos entre a Universidade de Vigo e o mundo da empresa enmarcados en convocatorias de carácter europeo, nacional ou rexional, cun orzamento de 6.000 € por proxecto.