INCREMENTAN AS EXPECTATIVAS DE CURACIÓN DO CANCRO INFANTIL

O conselleiro de Sanidade e a delegada territorial da Xunta participaron hoxe no Álvaro Cunqueiro nas actividades conmemorativas para visibilizar o Día Internacional do Cancro Infantil
As Asociacións Bicos de Papel e Asanog desenvolveron un completo programa de animación e entregaron regalos aos nenos e nenas doados por El Corte Inglés
O Chuvi diagnosticou o pasado ano 22 novos pacientes infantís con patoloxía oncolóxica maligna
O cancro que afecta en maior medida aos nenos é a leucemia, seguida polos tumores do sistema nervioso central e os linfomas

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a delegada territorial da Xunta de Galicia, Marta Fernández-Tapias, sumáronse hoxe á conmemoración do Día Internacional do Cancro Infantil no hospital Álvaro Cunqueiro, onde participaron nas diversas actividades desenvolvidas polas Asociacións Bicos de Papel, Asanog e os Pallasos de  Galiclown.

García Comesaña tamén visitou a nova Sala de Xogos para nenos e nenas oncolóxicos da planta de pediatría, que ven de por en marcha Bicos de Papel.

Hoxe foi un día de festa para os pequenos pacientes do Hospital de Día de Pediatría e os hospitalizados, que puideron desfrutar dun completo programa de animación no que, ademais dos pallasos, non faltou a visita de Spiderman ou Star Wars.Ademais, os nenos e nenas tamén recibiron regalos que foron doados por El Corte Inglés.

Melloran as expectativas de curación

A coordinadora da Unidade de Oncoloxía Infantil, María Tallón, afirmou que “estamos conseguindo melloras substanciais neste campo e ano a ano podemos dicir que seguimos a mellorar as expectativas de curación dos nenos e nenas  con cancro, reducir as secuelas do tratamento, e progresar tamén na atención psicolóxica e social que aportamos a estas familias”.

O cancro infantil non se pode previr, polo que os esforzos céntranse en lograr o diagnóstico temperá dos casos, e en dispoñer dos mellores tratamentos, porque é aquí onde reside a clave da supervivencia dos menores e a súa calidade de vida.  A día de hoxe  o  índice de supervivencia do cancro infantil sitúase nun 82%, e manténdose al alza  nos últimos anos, o que  denota un avance nos coidados e tratamentos para o cáncer.

Os puntos fundamentais desta atención son: un diagnóstico precoz, tratamento protocolizado, seguimento de efectos secundarios, e apoio noutros temas importantes para a familia e os nenos como a  escolarización e a reincorporación a súas vidas tras o tratamento.

22 novos diagnósticos o pasado ano

No pasado ano se diagnosticáronse 22 pacientes con patoloxía oncolóxica infantil maligna, cifra similar a do ano anterior, que seguen tratamento quimioterápico en hospital de día e planta de pediatría. Deles, a enfermidade máis frecuente foi a leucemia aguda seguida do linfoma e dos tumores do sistema nervioso central.

En xeral, a Unidade de Oncoloxía pediátrica do Álvaro Cunqueiro atende a 150 menores das áreas sanitaria de Vigo e Ourense. A maioría deles están en fase de seguimento en consulta, unha vez concluído o seu tratamento no hospital.

Nestes momentos, hai 20 pacientes en fase de tratamento activo (quimioterápico). O Hospital de Día Pediátrico atende de xeito ambulatorio a unha media diaria de 8 pacientes.

O seguimento dos nenos que xa concluíron o seu período hospitalario oscila entre cinco e dez anos, segundo o tipo de tumor que padezan.

A atención sanitaria prestada nos hospitais pretende dar unha resposta óptima dende o punto de vista médico, pero tamén quere ofrecer unha atención integral, que comprenda todos os aspectos da esfera psico-bio-social da persoa e da súa familia, incluíndo a oferta dun servizo docente para que os nenos continúen coa súa programación académica, así como as actividades lúdicas e de lecer.

Neste senso, a doutora Tallón asegura que “debemos agradecer o apoio das asociacións de pacientes que fan unha importante aposta por sumar propostas para favorecer unha maior calidade de vida dos pacientes e das familias, cos programas extrahospitalarios que puxeron en marcha no último ano”.