GRUPOS INTERNACIONAIS E BANDAS GALEGAS DEVOLVEN A VIGO OS GRANDES CONCERTOS DA MAN DO FESTIVAL LATITUDES E O XACOBEO 21-22

Os vigueses Zålomon Grass, o dúo galego Bala, os suecos Mando Diao e  os irlandeses Two Door Cinema Club foron os encargados de abrir o evento este venres no peirao de Transatlánticos
A lenda estadounidense Iggy Pop e os británicos The Vaccines saltarán este sábado ao escenario do porto tras a actuación dos locais Aphonnic e os pontevedreses Furious Monkey House
C. Tangana actuará no mesmo escenario o vindeiro 23 de agosto e catro días despois será a quenda de Quevedo e Ajax e Prok no Festival de Música Urbana
O Xacobeo 21-22 trae á cidade preto de vinte concertos en Vigo desde hoxe ata o vindeiro 18 de setembro

O Festival Latitudes devolveu este venres a Vigo os grandes concertos co apoio do Xacobeo 21-22. O evento ofreceu unha primeira xornada na que os vigueses Zålomon Grass, o dúo galego Bala, os suecos Mando Diao e os irlandeses Two Door Cinema Club foron os encargados de abrir o evento no peirao de Transatlánticos

Latitudes arriba a Vigo cun cartel que inclúe algúns dos principais referentes da música rock do panorama internacional e converte durante dous días o porto de Vigo nunha nova parada obrigatoria do Camiño de Santiago. A lenda estadounidense Iggy Pop e os británicos The Vaccines saltarán este sábado ao escenario do porto tras a actuación dos locais Aphonnic e os pontevedreses Furious Monkey House.

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destacou o oferta do festival e cualificou a programación musical do Xacobeo como a mellor oferta de toda Galicia. “A Xunta traerá a Vigo este verano, sen ningún lugar a dúbidas, a mellor  oferta musical de toda Galicia”, sinalou.

Fernández-Tapias lembrou que no mesmo escenario de Latitudes actuará o vindeiro martes, 23 de agosto, o artista C. Tangana e o sábado 27 de agosto será a quenda do Festival de Música Urbana con Quevedo e Ajax e Prok. Ademais, indicou que  a programación musical do Xacobeo ofrece en total case que unha vintena de concertos desde este venres ata o vindeiro mes de setembro, entre os que destacou tamén o dos británicos Muse (8 de setembro) no Estadio de Balaídos.