A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou no acto de celebración do Día de Europa organizado pola Axencia Europea de Control da Pesca

GALICIA PIDE Á UNIÓN EUROPEA QUE TEÑA EN CONTA AS PECUALIRIDADES DO SEU SECTOR MARÍTIMO-PESQUEIRO PARA SEPERAR OS RETOS DE FUTURO E QUE POIDA MEDRAR

A Xunta destaca a importancia de que tanto a comunidade como Europa sexan conscientes de que se necesitan mutuamente para poder avanzar
Sinala que ao Goberno de España lle sobraban razóns para impoñer a capitalidade de Vigo no sector pesqueiro como sede do Instituto Español de Oceanografía
A representante autonómica lembra desafíos do complexo mar-industria como as propostas para eliminar as bonificacións aos combustibles e a pesca de fondo, o futuro regulamento europeo de control da pesca e os efectos do brexit
A comunidade traballa en aspectos para impulsar o sector como a Estratexia Galega para a economía azul ou a proposta de revisión da Política Pesqueira Común, que se está a elaborar no seo do Consello Galego de Pesca

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou hoxe no acto de celebración do Día de Europa organizado pola Axencia Europea de Control da Pesca (EFCA) onde expuxo a necesidade de que Galicia e Europa sexan conscientes de que se necesitan mutuamente para poder avanzar. Nesta liña, incidiu na transcendencia de que a Unión Europea comprenda as necesidades do sector marítimo-pesqueiro galego -o máis importante do club comunitario- e as súas peculiaridades para poder superar os retos de futuro no desenvolvemento da actividade e que poida medrar.

Fernández-Tapias reprochou que o Goberno de España non tivera en conta a capitalidade de Vigo no sector pesqueiro á hora de impoñer “a nosa cidade como sede do Instituto Español de Oceanografía”. “Foi este feito e non outro un factor clave para que a Axencia Europea de Control da Pesca nos elixira como o centro neurálxico da súa actividade”, sinalou para que se tomara boa nota.

De Vigo, destacou o seu peso na actividade marítimo-pesqueiro galega e en toda a cadea mar-industria europea, a súa grande fortaleza portuaria e de alto valor marítimo, e a relevante presenza do naval olívico. “Unha cidade -dixo- de enorme puxanza pesqueira que, nin nos peores momentos deixou de exercer a súa actividade con responsabilidade, baixo o paraugas da unidade e no marco dos criterios que rexen a sustentabilidade”.

Xa nun marco máis xeral, a representante do Executivo galego referiuse a desafíos como a eliminación das bonificacións para os combustibles -promovida tanto pola Unión Europea como pola Organización Mundial de Comercio-, a proposta de limitación da pesca de fondo -que pon en risco máis de 280 millóns de euros na economía galega-, a proposta de regulamento de control da pesca -que propón fórmulas de difícil encaixe para a frota como as cámaras a bordo ou a duplicidade na remisión de datos- e as dificultades derivadas do brexit.
Nesta liña, Fernández-Tapias lembrou que Galicia está a traballar para superar eses retos ao tempo que avanza en aspectos que contribuirán a impulsar o complexo mar-industria como a Estratexia galega para a economía azul ou a proposta de revisión da Política Pesqueira Común (PPC). Neste último caso, a comunidade está a elaborar da man do Consello Galego de Pesca unha proposta coa que liderar esa posible reforma e que recolle principios fundamentais como unha PPC máis social -que promova a remuda xeracional-, máis xusta -que respecte o level playing field-, máis sostible, máis segura e máis unida, que aposte pola cogobernanza.

Agradecemento EFCA

A delegada territorial subliñou a relevancia de construír unha Europa máis forte e unida e incidiu en que a Unión Europea pode facer moito por Galicia e que a comunidade tamén pode facer moito por Europa. Neste sentido, agradeceu o labor da Axencia Europea de Control da Pesca por contar con Galicia para avanzar e traballar na mellora da sustentabilidade pesqueira con argumentos sólidos e rigorosos.

A Axencia Europea de Control da Pesca, con sede en Vigo, ten como misión principal velar polo cumprimento das normas en materia de control, inspección e seguimento da actividade pesqueira. De feito, a súa principal función é organizar a coordinación e a cooperación entre as actividades nacionais de control e inspección para que se aplique e respecte eficazmente a normativa da Política Pesqueira Común.