GALICIA CONVERTERASE ESTE ANO NO REFERENTE DA MAXIA MUNDIAL DA MAN DO XACOBEO 21-22 CON MÁIS DE 220 ACTUACIÓNS NUN CENTO DE CONCELLOS

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participaron esta mañá na presentación do Festival Mundial do Ilusionismo “Galicia Ilusiona” que se celebrará entre o 1 de agosto e o 15 de outubro
Ademais das actuacións nos concellos incluirá 7 desafíos extremos nas 7 grandes cidades galegas, que tamén contarán con cadansúa gala internacional coa presenza dos mellores magos e magas do mundo
A programación complétase con espectáculos solidarios nas unidades de pediatría dos hospitais galegos co obxectivo de achegar a ilusión a estes centros
Galicia contará cun dos maiores festivais de ilusionismo de Europa no marco da programación do Xacobeo 21-22 co que se pretende estender as súas actividades a toda a xeografía galega

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presentaron hoxe, xunto aos magos galegos Pedro Bugarín e Dani Polo e ante 50 alumnos do CEIP Pintor Laxeiro, o Festival Mundial do Ilusionismo Galicia Ilusiona, que percorrerá toda Galicia entre o 1 de agosto e o 15 de outubro con máis de 220 actuacións en máis dun cento de concellos galegos.

A Xunta apoia esta iniciativa baixo o paraugas do Xacobeo co obxectivo de converter a Galicia en referente e epicentro da maxia a nivel mundial e, ao mesmo tempo, levar e encher de ilusión toda a comunidade nestes tempos difíciles.

Este Xacobeo 21-22 busca a implicación de toda a sociedade na súa programación cultural con actividades espalladas por todo o territorio galego, xa que o Camiño de Santiago é o mellor reclamo turístico de Galicia. Ademais o Xacobeo tamén está vinculado con actividades relacionadas co deporte, a natureza, o patrimonio, a cultura, a gastronomía, e neste caso, maxia.

O Festival Mundial do Ilusionismo Galicia Ilusiona incluirá nos seus dous meses e medio de duración espectáculos dirixidos ao público familiar en emprazamentos céntricos dos concellos galegos para mostrar a maxia que ten Galicia a veciños e a visitantes neste Xacobeo 21-22.

A programación do festival contará ademais con 7 desafíos extremos levados a cabo neste período por distintos artistas en lugares emblemáticos das 7 grandes cidades. As urbes galegas converteranse en capitais mundiais do ilusionismo e acollerán tamén 7 grandes galas internacionais de maxia coa presenza dos mellores magos e magas do mundo.

A iniciativa ten unha parte solidaria con espectáculos previstos nas plantas de Pediatría dos principais hospitais galegos aos que se desprazarán os propios artistas para facer partícipes do festival e achegar a ilusión aos cativos ingresados.

A Xunta invita a desfrutar do ilusionismo neste Ano Santo e a camiñar a Galicia para descubrir a maxia que envolve a todos os recursos turísticos -as paisaxes, o patrimonio, ou a gastronomía- e todas as rutas do Camiño de Santiago.