FERNÁNDEZ-TAPIAS VISITA UN DOS 9 ESTABLECEMENTOS BENEFICIARIOS EN VIGO DAS AXUDAS PARA A MODERNIZACIÓN E RENOVACIÓN DAS SÚAS INSTALACIÓNS

A delegada da Xunta en Vigo informou que o Goberno galego financiou ao abeiro desta orden obras na cidade por un importe conxunto de preto de 132.000 euros
O Executivo autonómico vén de publicar a nova convocatoria á que destina 2 millóns de euros para financiar melloras nas infraestruturas dos establecementos turísticos
As axudas enmárcanse no Plan Camiña, para apoiar ás empresas do sector turístico

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou hoxe o Asador Soriano, un dos 9 establecementos turísticos beneficiarios o ano pasado das axudas para a modernización e renovación das súas instalacións na cidade, enmarcadas no Plan Camiña. Concretamente este restaurante percibiu unha achega de 30.000 euros para melloras relacionadas coa eficiencia enerxética.

Segundo informou a representante autonómica, o Goberno galego financiou ao abeiro desta orde obras na cidade por un importe conxunto de preto de 132.000 euros, permitindo así renovar e modernizar as instalacións dos establecementos turísticos de aloxamento -locais hoteleiros, campamentos de turismo, casas de turismo rural, apartamentos e albergues turísticos- e negocios de restauración co obxectivo de consolidar unha oferta turística de calidade e competitiva.

Entre as obras subvencionadas, tal e como detallou, figuran renovacións integrais de cociñas, adquisición de equipamentos, acondicionamento de terrazas, reformas nas fachadas, obras de mellora da accesibilidade ou rehabilitacións estruturais das edificacións.

Fernández-Tapias, quen tivo oportunidade de coñecer ao detalle a intervención realizada polo Asador Soriano, recordou que o Executivo autonómico vén de publicar a nova convocatoria á que destina 2 millóns de euros co obxectivo de consolidar unha oferta turística de calidade que sexa a marca de referencia e diferenciación do modelo de turismo galego.

A resolución recolle un importe máximo por solicitude de ata 50.000 euros que se pode destinar a actuacións como accións para mellorar a accesibilidade e a supresión de barreiras arquitectónicas, obras nas instalacións para obter certificacións de calidade como a Q de calidade turística ou para que o establecemento suba de categoría, a renovación e a modernización do local xunto co embelecemento da contorna, a adquisición de equipamentos mobles necesarios para o seu funcionamento, medidas de aforro enerxético con actuacións na climatización ou nos sistema de extracción e renovación de aire, avances na dixitalización dos sistemas de comercialización e a adaptación dos sistemas de seguridade e saúde na prestación de servizos.

As solicitudes deberán presentarse ata o vindeiro 8 de marzo de forma telemática a través da sede electrónica da Xunta https://sede.xunta.gal/chave365.