FERNÁNDEZ-TAPIAS VISITA AOS PARTICIPANTES NOS CURSOS E ACTIVIDADES DA ASOCIACIÓN DE VECIÑOS DE LAVADORES

A delegada da Xunta en Vigo acudiu este martes ás instalacións do colectivo veciñal na avenida de Ramón Nieto

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou este martes as instalacións da Asociación de Veciños de Lavadores onde coñeceu os cursos e actividades que realiza o colectivo e mantivo unha xuntanza que serviu á representante autonómica para coñecer de primeira man as súas inquedanzas e necesidades.

Neste contexto, a Fernández-Tapias puxo en valor a decidida aposta do Goberno galego por colaborar coas organizacións veciñais co obxectivo de mellorar a calidade de vida da cidadanía e contribuír a unha maior dinamización do movemento veciñal. Segundo indicou, parte deste compromiso ten o seu reflexo no marco das subvencións incluídas no Plan de Acción Comunitaria.

Ademais, coñeceu as últimas obras de mellora levadas a cabo na sede da Asociación de Veciños de Lavadores gracias ás achegas da Xunta de Galicia. Tamén puido coñecer os cursos e obradoiros que se realizan, entre outros as actividades para maiores organizadas pola Cruz Vermella, a ludoteca ou as iniciativas deportivas de tenis e ximnasia.