FERNÁNDEZ-TAPIAS VISITA A REFORMA DO XIMNASIO E OS VESTIARIOS DO IES ALEXANDRE BÓVEDA TRAS O INICIO DA OBRA CUN INVESTIMENTO DE 337.000 EUROS
A delegada territorial de Xunta en Vigo informou da adxudicación da mellora no instituto do barrio de Coia
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou este venres o IES Alexandre Bóveda despois de que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades adxudicase e iniciase as obras de reforma do ximnasio e os vestiarios do centro escolar cun investimento de 337.000 euros.
Segundo avanzou a representante autonómica, a actuación ten un prazo de execución de tres meses e sinalou que mediante a mellora da envolvente (fachadas, cubertas e carpinterías), preténdese optimizar o comportamento enerxético do ximnasio garantindo uns maiores niveis de confort e reducindo o gasto das instalacións de climatización.
Ademais, durante o percorrido polo centro tamén apuntou que a substitución das luminarias existentes por outras de tipo LED, permitirá igualmente reducir o consumo de electricidade. Igualmente, debido aos altos niveis de humidade existentes no ximnasio, é necesario un sistema de extracción que facilite a renovación de aire.
Fernández-Tapias tamén explicou que a día de hoxe a Xunta contempla unha trintena de grandes actuacións con investimentos en 27 centros educativos do municipio de Vigo para o período de 2022 a 2025, entre os que se inclúe o IES de Navia, que está á espera da cesión dos terreos por parte do Concello e que contará cunha inversión de 14 millóns de euros.