FERNÁNDEZ-TAPIAS VISITA A MONTAXE DO FESTIVAL LATITUDES E C. TANGANA PARA O REGRESO DOS GRANDES CONCERTOS A VIGO CO XACOBEO 21-22
A delegada territorial de Xunta en Vigo fixo un percorrido polo peirao de Transatlánticos onde se celebrará o festival este 19 e 20 de agosto
A lenda estadounidense Iggy Pop, os irlandeses Two Door Cinema Club, os suecos Manda Diao e os británicos The Vaccines encabezan a primeira edición de Latitudes
C. Tangana actuará no mesmo escenario o vindeiro 23 de agosto e catro días despois será a quenda de Quevedo e Ajax e Prok no Festival de Música Urbana
O Xacobeo 21-22 trae á cidade preto de vinte concertos en Vigo desde mañá ata o vindeiro 18 de setembro
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, fixo este xoves unha visita ao peirao de Transatlánticos no que esta fin de semana celebrarase o Festival Latitudes e o vindeiro martes o concerto de C. Tangana. A representante autonómica realizou un percorrido pola montaxe que acollerá nos vindeiros días a artistas como Iggy Pop e grupos como Two Door Cinema Club dentro da programación musical do Xacobeo 21-22.
“Durante as últimas semanas xa tivemos grandes actuacións como as de Texas ou Rufus Wainwright, e a partir de mañá regresan os grandes concertos a Vigo coa mellor oferta musical de toda Galicia”, sinalou durante a súa visita. Fernández-Tapias destacou a calidade do cartel do Festival Latitudes (19 e 20 de agosto no peirao de Transatlánticos) e lembrou outras citas destacadas como as de C. Tangana (23 de agosto) ou Muse (8 de setembro).
O Festival Latitudes, que celebrou a súa última edición no ano 2016 en Santiago de Compostela, chega agora a bo porto como parte da programación musical do Xacobeo 21-22. Así, converterá durante dous días o porto de Vigo nunha nova parada obrigatoria do Camiño de Santiago.
Latitudes arriba a Vigo cun cartel que inclúe algúns dos principais referentes da música rock do panorama internacional. Empezando polos irlandeses Two Door Cinema Club, sen esquecernos dos suecos Mando Diao ou a banda británica TheVaccines, para chegar ata a lenda estadounidense do rock Iggy Pop.
Os grupos galegos non faltarán, por iso, o seu cartel complétano varias bandas da mesma cidade de Vigo. Entre os invitados a esta cita estará a banda viguesa Aphonnic, que tocarán o seu metal alternativo, os pontevedreses Furious Monkey House, o trío de blues cósmico, e tamén vigués, Zålomon Grass, e o dúo grunge galego Bala.