FERNÁNDEZ-TAPIAS SUPERVISA AS OBRAS DO SEGUNDO TRAMO DA SENDA PEONIL DE SAN MIGUEL DE OIA NA ESTRADA PO-325, NO CONCELLO DE VIGO
A delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, informou que estas actuacións mellorarán a mobilidade peonil dos veciños deste núcleo urbano
Este novo tramo dá continuidade ao realizado anteriormente entre a intersección dos camiños da Senra, da Verdella e de Mide e o centro social San Miguel de Oia
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, supervisou hoxe as obras do segundo tramo da senda peonil na estrada PO-325 en San Miguel de Oia, no concello vigués.
A representante do Goberno galego na cidade, acompañada polo xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, José Luis Díez, e técnicos do departamento autonómico, tivo ocasión de visitar cos veciños a mellora da mobilidade peonil proxectada nesta contorna.
Este novo tramo que, segundo informou Fernández-Tapias quedará rematado no día de hoxe, consistiu na execución dunha senda de 2,50 metros de ancho entre os puntos quilométricos 6+940 e 6+975, dando así continuidade ao realizado anteriormente entre a intersección dos camiños da Senra, da Verdella e de Mide e o centro social San Miguel de Oia.
Os traballos, detallou a delegada territorial, consistiron na demolición e levantado dos pavimentos existentes, o acondicionamento do terreo, a construción dun pavimento de formigón tintado, a instalación dun bordo prefabricado de dobre cara e a desmontaxe e posterior reposición da sinaléctica fixa. A intervención contou cun investimento da Xunta de preto de 16.000 euros.
