A delegada territorial anunciou o acordo de colaboración coa directora do evento

FERNÁNDEZ-TAPIAS REEDITA O APOIO DA XUNTA A VIGO PORTÉ PARA CONVERTER UN ANO MÁIS Á CIDADE EN “EPICENTRO INTERNACIONAL DA DANZA”

O Trofeo de Baile Internacional Vigo Xacobeo alcanza a súa terceira edición dentro de Vigo Porté, que se amplía a catro días (28, 29 e 30 de abril e 1 de maio)
 “A Xunta fará de novo o esforzo necesario para garantir a celebración dun evento que sitúa á cidade nas vangardas da danza”, sinalou a representante autonómica
A gala xa supera os rexistros de inscricións da pasada edición: centros de danza (37), participantes (850) e coreografías (370)

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, anunciou este xoves o apoio do Goberno galego ao evento internacional de disciplinas de baile Vigo Porté  que se celebrará a vindeira primavera. “Estamos falando dunha iniciativa que converte á cidade en epicentro internacional da danza, polo que a Xunta fará de novo o esforzo necesario para garantir a súa celebración”, sinalou.

Nun acto na sede da Delegación Territorial viguesa, a representante autonómica e a directora de Vigo Porté, Lorena López, celebraron o apoio institucional para a que será terceira edición do Trofeo de Baile Internacional Vigo Xacobeo. A través deste trofeo a Xunta de Galicia continúa prestando soporte a esta iniciativa que se consolidou como un dos eventos de danza de referencia en España e a nivel europeo e que regresará ao Auditorio Mar de Vigo os días 28, 29 e 30 de abril e 1 de maio, ampliando a competición por primeira vez a catro días.

Segundo indicaron durante a presentación, ata a data e desde a apertura de inscricións no mes de outubro, Vigo Porté 2023 xa superou os rexistros da pasada edición no que a número de centros de danza (37), participantes (850) e coreografías (370) refírese. “Encaramos esta XI edición coa mesma ilusión e ganas que nos primeiros certames. Vigo Porté demostrou ter un gran potencial e supón un importante escaparate para as escolas e os mozos bailaríns, algo que se ve reflectido nas cifras de inscricións que esperamos sexan as máis elevadas da historia”, apunta Lorena López.

A directora do certame mostrouse moi agradecida á Xunta polo apoio incondicional ao certame. “Queremos agradecer unha vez máis a Marta Fernández-Tapias a súa aposta polo evento, pola danza e por Vigo. Gracias á súa colaboración, Vigo Porté pode continuar realizándose na nosa cidade”, sinalou.