FERNÁNDEZ-TAPIAS RECLAMA AO GOBERNO AVANCES NAS GRANDES INFRAESTRUTURAS PARA REFORZAR O POTENCIAL LOXÍSTICO DE VIGO E A SÚA ÁREA E CAPTAR NOVOS INVESTIMENTOS
A delegada da Xunta en Vigo participou este xoves no foro “Os retos da economía de Vigo e o seu hinterland” organizado por Logidigal
“Necesitamos impulsar o Corredor Atlántico, a Saída Sur, a conexión ferroviaria con Bouzas e o apoio dos Perte para garantir o futuro dos nosos sectores económicos”
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou este xoves no foro “Os retos da economía de Vigo e a súa Hinterland (I): infraestruturas básicas, conectividades terrestres, plataformas loxísticas» organizado polo Foro Galicia Marítima (Fogama) e Logidigal.
A representante autonómica fixo especial mención nas grandes infraestruturas que necesita a cidade para captar novos investimentos. “Necesitamos impulsar o Corredor Atlántico, a Saída Sur, a conexión ferroviaria con Bouzas e o apoio dos Perte para garantir o futuro dos nosos sectores económicos”, sinalou no coloquio no que tamén participou o presidenta da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña.
“O porto e a súa zona franca, con actividades de primeira orde, como o movemento de vehículos, pesca, granito ou contedores, son a base dunha cidade próspera, na que por suposto o turismo e os servizos tamén deben ser un punto de retorno económico principal”, explicou.
Fernández-Tapias destacou que a Xunta xa puxo en marcha a Estratexia loxística de Galicia 2020-2028 para definir o conxunto de infraestruturas prioritarias. “Creo nas capacidades da nosa cidade e a súa área para liderar a plataforma loxística de Galicia, pero tamén considero que perdemos forza e necesitamos reforzarnos con infraestruturas vitais para que Vigo continúe crecendo”, apuntou.
No coloquio tamén participaron representantes das empresas Kaleido, Comarsa, Estibadora Galega, Botamavi, Martínez Rosa, Avco Legal, Vigra, Lodigidal, Toysal, Vascoshipping, Termavi e Cámara de Comercio de Vigo.