FERNÁNDEZ-TAPIAS RECIBE EN VIGO AOS POLICÍAS DE “MOTOS POLA PAZ” QUE PARTICIPAN NO PROXECTO “CAMIÑOS DE EUROPA 2022”

A delegada territorial da Xunta deu a benvida aos axentes de varios países que realizan a ruta por terras galegas e recibiu un gallardete de mans do presidente de Motos pola Paz e as Cerámicas do Camiño de Santiago

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, recibiu este venres aos policías do colectivo “Motos pola Paz” que chegaron a Galicia dentro do evento “Camiños de Europa 2022”. Nun acto ás portas da Delegación, a representante autonómica deu a benvida aos participantes e desexoulles unha boa estancia ao seu paso pola área de Vigo.

O presidente de Motos pola Paz, Bernardo Lépores, entregou á Fernández-Tapias un gallardete da misión, o libro de 20 anos MFP 0121 e as Cerámicas do Camiño de Santiago que deixan en cada visita polas cidades de Europa que visitaron. A expedición partiu de Romo o pasado 20 de maio e xa recalaron en distintas cidades de Europa.

Este sábado sairán de Nigrán para unirse en Santiago á IPA (International Police Association) Moteiros, que tamén realizan o camiño, e formarán unha comitiva de uns 200 motoristas no Obradoiro.  A Xunta apoia este evento que ademais permite tamén dar a coñecer o turismo e a gastronomía de Galicia, onde están a chegar cada día milleiros de peregrinos neste Xacobeo con cifras récord no que vai de ano.