FERNÁNDEZ-TAPIAS PON DE RELEVO A IMPORTANCIA DA CÁTEDRA DO IDADISMO PARA VISIBILIZAR A IMPORTANCIA DAS PERSOAS MAIORES NA SOCIEDADE

A delegada territorial da Xunta en Vigo participou hoxe no acto de presentación desta iniciativa, pioneira en España, e impulsada pola Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias de Galicia e a entidade privada Atendo
A representante autonómica sinala que as conclusións nesta materia servirán de guía para o deseño de políticas, leis e medidas enfocadas a combater a discriminación por mor da idade

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou hoxe no acto de presentación de Cátedra do Idadismo da Universidade de Vigo, unha iniciativa pioneira en España que impulsan conxuntamente a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer (Afaga) e outras Demencias de Galicia e a entidade privada Atendo.

Nun acto celebrado no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco), a representante autonómica puxo de relevo a importancia de abordar esta materia co obxectivo de visibilizar a importancia das persoas maiores na nosa sociedade para evitar a súa discriminación, “unha práctica tan estendida como pouco recoñecida”, anotou.

Fernández-Tapias incidiu en que “Galicia non se entendería sen as persoas maiores, e a súa experiencia é clave para avanzar nunha Galicia mellor”. “Unha Galicia onde se lles respecte e na que se teñan en conta, na que poidan decidir sobre o seu presente e o seu futuro, con independencia, en igualdade e liberdade de acción”, engadiu.

Destacou así que os numerosos estudios, seminarios, conferencias e publicacións “axúdannos ás administracións públicas no deseño das políticas enfocadas a mellorar a atención aos maiores e a súa calidade de vida”, e amosouse convencida de que as conclusións desta cátedra “contribuirán de forma determinante ao desenvolvemento de políticas, leis e medidas dirixidas a desterrar o idadismo”.

A delegada territorial indicou que é labor de todos loitar contra os estereotipos e a invisibilidade dos maiores nalgunhas esferas da sociedade, así como axudalos a que sexan os protagonistas das súas vidas.

Neste sentido, defendeu o compromiso do Goberno galego por un modelo de envellecemento de “proximidade, extenso e de máxima calidade” que lles permita elixir onde e como queren vivir. Segundo defendeu Galicia ten unha das mellores ratios de atención aos maiores o que demostra, dixo, “o acerto das políticas autonómicas nesta materia”. “E seguiremos incidindo nesta mesma liña, apostando por estender os servizos de coidados e atención aos maiores a través das residencias, dos centros de día e nos propios domicilios”, concluíu.